Luís Rei: "Dilapidouse o caudal de ilusión que se xerara nas pasadas eleccións"

Pontevedra
27 de maio 2019

Marea afunde nas eleccións municipais de Pontevedra ao perder máis da metade dos seus votantes e queda sen representación na corporación catro anos despois da súa chegada á política municipal

Luis Rei na sede do partido despois do escrutinio PontevedraViva

As eleccións municipais de 2019 non tiveron bos resultados para Marea Pontevedra. Fronte aos 3.222 votos conseguidos na pasada cita electoral, a formación encabezada por Luís Rei viuse abocado ao fracaso este domingo nas urnas. 

Cun 3,57% dos votos, o que supón unha perda de máis da metade dos seus votantes, Marea queda sen a representación que tivo durante o últimos catro anos na corporación pontevedresa, pasando, así, de dous edís no Concello a ningún.

Durante o escrutinio, na sede do partido os membros do mesmo agardaban, con incertidume, a mellora do reconto. Ao final, abrazos de resignación e as inevitables caras longas.

O portavoz municipal de Marea e candidato á Alcaldía, Luís Rei, manifestou, antes de nada, nunha rolda de prensa sen preguntas, o seu "agradecemento ao equipo de Marea Pontevedra por acompañarnos durante estes catro anos no Concello de Pontevedra e, sobre todo, polo traballo desinteresado nesta campaña electoral". Tamén quixo corresponder á cidadanía pola "confianza depositada en nós hoxe, a pesar de todo".

Fronte ao esborralle dos seus resultados con respecto ás pasadas eleccións: "Creo que levábamos, desde que irrompemos  na corporación de  goberno, en 2015, unha liña ascendente.

Pero iso viuse alterado nos últimos meses polo ruído e a furia da confluencia galega, das candidaturas de unidade popular aglutinadas en Marea", confesou Rei. A  isto, engadiu, ante os membros do seu partido e xunto á número dous, Teresa Casal, que "consumouse a ruptura do espazo e volvemos, dentro do que é a esquerda do país, aos tempos do minifundismo. Dilapidouse o caudal de ilusión que se xerara nas pasadas eleccións".

Asegurou, ademais, que "chegaron estas eleccións, despois do resultado cativo das xerais, como unha cicloxénese explosiva dentro do noso panorama e do  noso espazo político", polo que agora "corresponde  aos órganos de Marea Pontevedra, mellor antes ca tarde, facer unha lectura, un análise de todo isto e tomar  as decisións que se estimen oportunas e valorar o resultado das eleccións de hoxe, que nos deixan fóra do Concello".

O ata este domingo edil no Concello de Pontevedra considera que é momento de facer autocrítica e que "correspóndelle á Dirección do partido decidir se realmente queren quedar e queren seguir tratando de traballar polo ben común de Pontevedra e dos pontevedreses", concluíu.

A continuación, Casal, que non entrou en detalles, respaldou as palabras de Luís Rei e pechou a reunión: "O único que podo dicir é que o pobo é soberano e o pobo decidiu. Polo tanto, terá que aturar as consecuencias do que escolle".

Arquivado en