Carlos Font, portavoz do grupo do PSOE na Deputación de Pontevedra, criticaba este xoves que a institución provincial se convirtira, ao seu entender, nunha "sucursal" da Xunta de Galicia controlada por Rueda "con mando a distancia".
A estas declaracións respondía este vernes Luis López, presidente da Deputación, insistindo en que o PSOE permanece en "estado de shock, de sorpresa", sen dixerir a perda do goberno da institución nos pasados comicios.
Explicou que os socialistas primeiro tentaron desafiuzalos da sede da Deputación en Vigo e que agora "tratan de xustificar a súa errática xestión das contas e o despilfarro ao que levaron esta casa nos primeiros cinco meses do ano, antes das eleccións".
"Entendo que pasar dun goberno dogmático a unha oposición sectaria é non entender a mensaxe das urnas", continou Luis López aclarando que o goberno actual do PP tentará seguir gobernando "pese a este legado preocupante" que, segundo argumentou, deixou o goberno bipartito do PSOE-BNG.
Apuntou que o traballo actual do goberno provincial se centra na cobertura das necesidades veciñais.
Por último, engadiu que a "plena autonomía" de goberno a lograron cos votos obtidos nas urnas, "iso que lle faltou ao PSOE para seguir gobernando na Deputación", insistiu para deixar claro que "non imos importar á Deputación o modelo de crispación que representa o señor Font no goberno de Vigo".