Luis López recibe aos mozos do Erasmus+ que comezarán en outubro as súas prácticas no estranxeiro

Pontevedra
29 de agosto 2023

O presidente da Deputación e o vicepresidente provincial Rafa Domínguez asistiron á reunión preparatoria da 5ª mobilidade do programa, coa que realizarán estadías en organizacións de Finlandia, Irlanda, Italia, Malta e Portugal

Recepción aos 45 alumnos que comezarán prácticas en empresas de países da Unión Europea Deputación de Pontevedra

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, acompañado do vicepresidente provincial Rafa Domínguez, asistiu este martes á reunión preparatoria da próxima mobilidade do programa "Erasmus+ 2022" na que 45 alumnos de 16 centros de ensino comezarán prácticas en empresas e entidades de países da Unión Europea (Finlandia, Irlanda, Italia, Malta e Portugal) a partir do 2 de outubro. 

Coa súa adhesión ao programa europeo, a institución provincial ofrece ao alumnado de Formación Profesional da provincia bolsas para completar a súa formación e acompañamento e apoio durante toda a súa estancia no estranxeiro.

O presidente provincial, Luis López, salientou que participar no programa será para eles unha oportunidade "para completar as vosas destrezas e coñecementos", para "prepararvos para outras situacións na vida" e tamén "un grande impulso que facilitará a transición da vosa etapa de estudantes á inmersión no mercado laboral".

O presidente da Deputación garantiu que "malia que haxa momentos nos que vos vexades fisicamente sos, a Deputación sempre vai estar ao voso carón para guiarvos, axudarvos e apoiarvos en todo o necesario para que estes meses sexan unha experiencia positiva"

A reunión deste martes, que tivo lugar no Edificio Administrativo da Deputación, serviu para explicar ao alumnado as súas obrigas, medios á súa disposición, medidas de seguridade, posibles incidencias ou modificacións, e tamén aspectos culturais dos seus países de acollida así como recomendacións para a viaxe e estancia no estranxeiro. 

Ao remate, o alumnado reuniuse particularmente con persoas intermediarias das organizacións nas que realizarán as prácticas para comentar polo miúdo as características das entidades e en que consistirán as súas estadías.