Luis López escusa o atraso nas concesións de axudas a clubs deportivos da Deputación nas "disparidades de calendarios"

Pontevedra
05 de xullo 2024

O presidente da Deputación de Pontevedra explica que entende as queixas dos clubs pero xustifica o atraso en que "o ano deportivo non vai acorde co ano da administración" e iso provoca "desaxustes orzamentarios". O PSOE tamén criticaba esta semana a tardanza na convocatoria destas axudas sinalando que durante o goberno bipartito as bases eran publicadas en febreiro para facilitar a planificación da tempada dos equipos que compiten en categorías estatais

Luisa Sánchez, vicepresidenta encargada de Deportes, e Luis López, presidente provincial, nun partido de balonmán desputado no Porriño Deputación de Pontevedra - Arquivo

Santiago Picallo, presidente do Club Balonmano Cisne, afirmaba recentemente a súa preocupación para facer fronte á próxima tempada ao descoñecer as axudas que recibirán do Plan Social de Ence e de institucións como a Deputación de Pontevedra "da que non sabemos nada da subvención de 2024".

"Supoñemos que sairá este mes ou o seguinte. Pero iso dificúltanos saber exactamente como estamos, con que nos movemos e que podemos facer para pechar o plantel", laiábase Picallo.

"Está moi complicado planificar", afirmaba o presidente do equipo de balonmán pontevedrés sinalando que esas axudas provinciais aos clubs que participan en competicións federadas de ámbito estatal son as únicas que faltan por saír.

Na mesma liña pronunciábase esta semana a portavoz do grupo provincial do PSOE, Ana Laura Iglesias, criticando que non saísen as bases para estes equipos cando co goberno bipartito eran publicadas no mes de febreiro para que, nos meses de verán, os equipos puidesen organizar a tempada nas súas competicións.

"Nunca se demorou tanto a concesión das subvencións a clubs deportivos. Finalizaron a tempada e seguen sen ter coñecemento das subvención e de cando van poder cobrar", indicaba a deputada socialista, asegurando que "é un claro exemplo de vagancia e de non saber traballar para os cidadáns".

Luis López, presidente da Deputación de Pontevedra, contestaba este venres a preguntas de PontevedraViva que "estamos a traballar para poñer as ferramentas económicas o máis axiña posible sendo conscientes desa disparidade que hai entre os anos deportivos e os da administración".

Desta forma, o presidente provincial empregaba a escusa de que o ano deportivo "non vai acorde" co ano da administración para xustificar o atraso na convocatoria.

"Entendo que para os clubs haxa eses desaxustes orzamentarios pola dispoñibilidade dos cartos", afirmou López para, a continuación, destacar os eventos que se están apoiando desde a Deputación de Pontevedra e a concesión de axudas a deportistas individuais.