O BNG celebrou este xoves 13 un acto no instituto Valle-Inclán de Pontevedra para conmemorar o 75 aniversario da morte de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, figura clave do nacionalismo galego.
O deputado Luís Bará, membro da executiva nacional do BNG, destacou a Castelao como unha "caixa de ferramentas para guiarnos no presente e conquistar o futuro".
Nun acto que desbordou as expectativas de asistencia, Bará comparou a Castelao con figuras internacionais como Gandhi ou Mandela, salientando a súa relevancia histórica e a vixencia do seu pensamento político baseado nos principios do Partido Galeguista: o recoñecemento de Galicia como nación con dereito á autodeterminación, a defensa da cultura e da lingua propias, e valores como o antifascismo e o republicanismo.
O deputado nacionalista estruturou a traxectoria de Castelao en catro períodos. O primeiro (1916-1931) marcado pola creación das Irmandades da Fala, a Asemblea Nazonalista de Lugo de 1918, a fundación do xornal A Nosa Terra, a revista Nós, o Seminario de Estudos Galegos e a intensa produción artística e literaria, incluíndo o álbum "Nós" e a obra "Cousas".
O segundo período (1931-1936) coincide coa proclamación da República e a fundación en Pontevedra do Partido Galeguista. Nesta etapa, Castelao destacou como deputado nas Cortes e liderou a campaña a prol do Estatuto de Autonomía, que foi masivamente aprobado polo pobo galego. Bará lanzou unha reflexión histórica: "Galiza estivo ás portas de ter un goberno propio. Imaxinades como podería ser Galiza con Castelao como Presidente?"
O terceiro período (1936-1940) está marcado polo alzamento militar fascista e o comezo do exilio, tempos de represión e penuria nos que Castelao utilizou a súa arte como "arma de combate" mentres traballaba pola aprobación do Estatuto nas Cortes republicanas no exilio.
O cuarto e último período (1941-1950) transcorre en Bos Aires, onde Castelao e a súa dona Virxinia se asentaron.
Alí desenvolveu un intenso labor político creando a Irmandade Galega, impulsando a unidade arredor dos símbolos e mártires galegos, participando na constitución de Galeuzca (alianza entre Galiza, Euskadi e Cataluña), e presidindo o Consello de Galiza como goberno galego no exilio. Nesta etapa publicou a súa obra máis emblemática, "Sempre en Galiza", e chegou a ser ministro no goberno republicano no exilio.

Bará subliñou a profunda conexión de Castelao con Pontevedra, desde a súa declaración de amor á cidade no texto "Meu Pontevedra" ata a súa participación na creación do Museo de Pontevedra, que hoxe alberga a maior parte do seu legado artístico e documental.
O propio instituto Valle-Inclán, escenario do acto conmemorativo, ten un valor simbólico especial por ser o lugar onde Castelao impartiu clases.
O deputado nacionalista denunciou os intentos de manipulación e apropiación da figura de Castelao ao longo da historia, exemplificando coas Medallas Castelao, concedidas en ocasións a persoas que representan valores opostos aos seus, como Manuel Fraga Iribarne.
"Non é certo que Castelao sexa de todos. Castelao non é dos que o perseguiron, non é dos que o forzaron ao exilio, non é dos que masacraron aos seus compañeiros, non é dos monárquicos, xa que Castelao era radicalmente republicano", afirmou Bará durante o acto.