Luís Bará apunta que a situación de seca "xustifica aínda máis" a necesidade dunha nova ubicación para ENCE fóra de Lourizán

Pontevedra
06 de setembro 2022

"A situación de seca pon aínda moito máis en evidencia o conflito de intereses entre o abastecemento de auga para consumo humano co consumo para actividades industriais". Así o afirmou este martes o deputado autonómico do BNG. A formación proporá no Parlamento un pacto galego pola auga

Complexo industrial de Ence en Lourizán
Complexo industrial de Ence en Lourizán Mónica Patxot

"A situación de seca pon aínda moito máis en evidencia o conflito de intereses entre o abastecemento de auga para consumo humano co consumo para actividades industriais". Así o afirmou este martes o deputado autonómico do BNG Luís Bará. Compareceu na sede comarcal da formación nacionalista en Pontevedra para falar das liñas prioritarias de traballo no novo curso político e non quixo deixar de referirse á situación de seca que leva semanas afectando a toda Galicia e a Pontevedra en particular. 

Bará lembrou a situación da bacía do Lérez este verán 2022, no que a situación do río por debaixo do seu caudal ecolóxico obrigou a parar a actividade da pasteira Ence en Lourizán e fixo un chamamento á necesidade de traballar na conciencia social e en abordar situacións como a "avaliación do impacto das actividades económicas intensivas" como a forestación -sobre todo o eucalipto- ou actividades industriais, que "estamos vendo na bacía do Lérez con Ence", sinalou. 

Ademais, comparte a opinión xa manifestada do Concello de Pontevedra de que a situación actual da bacía do Lérez "xustifica aínda máis unha nova ubicación deste complexo industrial" asentado en Lourizán e pendente dun proceso xudicial. 

Luís Bará lembrou que o cambio climático e a crise económica e ambiental son unha realidade con impactos directos na seca ou os lumes forestais deste verán e considera que "estes meses tivemos unha advertencia" de algo que vai ser unha situación "permanente e duradeira" porque "a auga é un ben escaso"

O BNG considera que é necesario adoptar medidas inmediatas e tamén deseñar un plan para o futuro e no próximo Pleno do Parlamento de Galicia que se celebrará a vindeira semana van propoñer un pacto galego pola auga, pois considera Luís Bará que é "unha cuestión de país que ten que estar por enriba de diferencias partidarias e de intereses territoriais". 

O obxectivo do BNG é que de cara a 2023 poida aprobarse ese pacto galego pola auga, baseado na cultura da auga e que poña sobre a mesa cuestións pouco abordadas como a reutilización de augas depuradas ou un plan de investimentos extraordinarios para a mellora das infraestruturas hidráulicas. 

Bará sinalou que, para o BNG, en xeral, é máis importante afrontar actuacións urxentes para mellorar as infraestruturas hidráulicas existentes que a construción de grandes infraestruturas novas como transvasamentos ou novos encoros. 

No caso concreto do Lérez, e a preguntas dos medios de comunicación, defende que é necesario facer unha análise detallada, pero, a priori, non é necesario novas infraestruturas de captación, senón mellorar as existentes e traballar en cuestións como as perdas de auga na rede de abastecemento, unha cuestión na que Pontevedra fixo "un traballo exemplar".