O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, e o deputado de Xuventude, Jorge Cubela, visitaron este mércores no Grove o Centro Vacacional da Lanzada, onde preto de 140 nenos están a pasar esta semana no marco dos campamentos de verán do programa 'Depo Aventura'.
O presidente provincial saudou aos cativos no anfiteatro do complexo, "queriamos que nos derades envexa porque quen nos dera estar aquí a nós!", e salientou que o deputado Jorge Cubela foi usuario dos campamentos na súa infancia "e ata se lembra da tenda de campaña na que estaba".
Luis López pediulle á rapazada "que desfrutedes e aproveitedes todo o que pon á vosa disposición a Deputación nestas magníficas instalacións". Neste senso, o presidente puxo en valor "a infinidade de actividades" de 'Depo Aventura', que "os valen para desconectar un pouco do voso día a día e tamén para adquirir valores e inculcarvos hábitos saudables e de contacto coa natureza".
Na súa visita, o presidente provincial tamén se interesou por coñecer cales son as súas actividades favoritas do campamento e as melloras que lles gustaría introducir no programa. A máis aplaudida de todas foi a creación dunha sala de cinema.
Tralo saúdo, o presidente percorreu as instalacións e asistiu a algunhas das actividades nas que participaron varios grupos da rapazada dentro do Centro Vacacional e tamén na praia da Lanzada. Así, mentres que nas instalacións da Deputación se desenvolveron un obradoiro sobre mulleres científicas, unha actividade para crear a mascota oficial do programa na próxima edición e outras de deportes alternativos e tiro con arco, a rapazada que se achegou ata o areal puido gozar de actividades de bodyboard, snorkel e outros xogos na praia.
Os preto de 140 rapaces que están esta semana nos campamentos de 'Depo Aventura'. correspóndense coa sétima das once quendas nas que está dividido o programa. Trátase de menores nados entre os anos 2010 e 2015 e procedentes de 34 concellos.
O programa deste ano leva por nome "A Lanzada, un paseo pola historia", co obxectivo de favorecer a inclusión, a aprendizaxe da lingua inglesa, a igualdade de xénero, a arte, a cultura, a ciencia, o deporte, a lingua de signos, o respecto e coñecemento da natureza e a dinamización e coñecemento da contorna, con saídas a contornas naturais como a propia praia da Lanzada ou a illa de Ons. Nesta edición, que se desenvolve ata o 9 de setembro, participarán en total 1.540 menores de practicamente todos os concellos da provincia (58).