Luces de cores para a ponte das Correntes e brancas para a dos Tirantes

Pontevedra
24 de xuño 2019

Sae a licitación a iluminación artística das pontes sobre o Lérez. A financiación forma parte dun convenio coa Deputación que permitirá iluminar as pontes das Correntes, dos Tirantes e a pasarela peonil cara a Illa das Esculturas

Ponte das Correntes

A Xunta de Goberno aprobou este luns iniciar o expediente de contratación do proxecto de iluminación das pontes sobre o río Lérez, imputado a un convenio coa Deputación provincial. O proxecto ten un prezo de licitación de 440.055 euros (IVE engadido), abrangue as pontes das Correntes, Tirantes e a pasarela peonil da Illa das Esculturas e o prazo de execución é dun mes.

Esta intervención xa fora adxudicada polo Concello en xullo de 2018 á empresa Copcisa por 351.554 euros (case 100.000 euros máis que a licitación), que no momento da sinatura do contrato, informou aos técnicos municipais da imposibilidade de executala.

De común acordo, Concello e empresa decidiron rescindir o contrato. Nese momento iniciouse un novo proceso de licitación que pasa necesariamente pola redacción dun novo proxecto, segundo esixe a nova lei de contratos. Para que fora distinto, acordouse sacar da contratación a ponte de Santiago, xa que era unha intervención máis sinxela que as outras.

A iluminación da ponte das Correntes será a máis espectacular. Disporá de 106 proxectores LED RGBW en pezas de aceiro inoxidable para agachalas, con control único programable (cor, acendido), moi similar á ponte do Burgo.

A ponte dos Tirantes irá con luces brancas para iluminar os tirantes e as columnas (substituíndo os proxectores actuais) e tamén se iluminará o taboleiro.

A pasarela peonil terá unha intervención respectuosa coa contorna natural e disporá de cordóns leds nos tirantes e proxectores no arco para as persoas que camiñan.

Aínda que se retirou a ponte de Santiago, o Concello tamén traballa nun novo proxecto para que a ponte de entrada á avenida de Compostela teña unha nova iluminación.