Lucerío para seguir reclamando o cesamento da xerencia da área Sanitaria e unha adecuada protección do persoal

Pontevedra
27 de novembro 2020

A pesar dos imprevistos técnicos que se produciron para desenvolver a protesta como estaba prevista, os sindicatos PROSAGAP, CO- BAS e CESM insistiron en reclamar o cesamento da xerencia desta Área Sanitaria, maior protección do persoal e control de accesos

Concentración na Plaza de España de persoal sanitario da Área de Pontevedra - Salnés PontevedraViva

Candeas, lanternas, lucerío do Nadal... foi un dos engadidos que conlevaba este venres a protesta convocada polos sindicatos sanitarios da área de Pontevedra - Salnés PROSAGAP, CO- BAS e CESM na Praza de España de Pontevedra para reclamar unha vez máis, a cuarta neste novembro, o cesamento inmediato da xerencia do Complexo Hospitalario; así como material de protección axeitado para o persoal sanitario.

María Torre Almón, portavoz de Prosagap, lembrou que a reclamación de mellores condicións para o persoal sanitario xa se estaba producindo antes da pandemia e agora en maior grao: "a sanidade pública necesita ser axudada porque ten que ser universal, gratuíta e de calidade" por iso engadía "é momento de que a cidadanía proteste". 

Enrique Marra, delegado do sindicato Médico CESM en Galicia, referiuse á reclamación dun cesamento da xerencia do Complexo Hospitalario indicando que "a primeira en abandonar o barco" foi a directora de Recursos Humanos, María Cobas; cuxo traspaso á área de Vigo no mesmo cargo producíase este mesmo mes. "Agardamos que lle sigan o xerente e a directora asistencial, porque o cesamento ten que ser efectivo", apostilou.

De igual forma lembrou que o persoal sanitario de hospitais, pacs e centros de Atención Primaria seguen sen dispoñer de material de protección adecuado; que se requiren contratos na sanidade pública "e que non sexan precarios"; que as "portas de entrada aos hospitais está a ser un coladero" para o coronavirus e alertou que a telemedicina "ten moitas quenllas detrás".

Finalmente Rafa Vázquez de Co.Bas recriminou que "os traballadores sanitarios fosen abandonados polo resto de sindicatos" e reclamou o cumprimento da Lei de Prevención de Riscos Laborais xa que "non é necesario crear leis novas, senón aplicar as existentes".

Os convocantes tiveron que facer fronte a diversos imprevistos: queimouse parte do equipo para unha proxección audiovisual, non foi posible un acendido de luces e fallaba a megafonía. Todo iso converteuse nunha metáfora da súa situación laboral: "é un exemplo do que sabemos facer os profesionais sanitarios, afixeron traballar con pouco material, malo ás veces e improvisando, así que imos seguir adiante sen que decaia".