Louzán tende a man ao BNG para pactar unha coalición de goberno na Deputación

Pontevedra
28 de maio 2015

O presidente en funcións da Deputación considerou que o "pacto máis natural" para unha "coalición de goberno" é co Bloque Nacionalista Galego, "algo que eles terán que valorar" atendendo aos proxectos conxuntos levados a cabo nos últimos anos, dixo Louzán "independentemente das diferenzas políticas"

Rafael Louzán e Miguel Anxo Fernández Lores Mónica Patxot

O presidente en funcións da Deputación de Pontevedra e do Partido Popular nesta provincia, Rafael Louzán tendeu a man ao BNG para negociar un pacto de goberno na Deputación.

O mandatario provincial explicou o "novo escenario" que deixaron os resultados electorais do pasado domingo 24 de maio despois de que o Partido Popular perdese a maioría absoluta na Deputación de Pontevedra ao baixar de 17 a 12 deputados, obtendo 10 actas de deputado o PSdeG-PSOE, catro o BNG e unha acta Marea-Vigo. "Nas súas mans está o futuro da Deputación", dixo referíndose ao Bloque.

Neste contexto o presidente da Deputación considerou que o "pacto máis natural" para unha "coalición de goberno" é co Bloque Nacionalista Galego, "algo que eles terán que valorar" atendendo aos proxectos conxuntos levados a cabo nos últimos anos, dixo Louzán "independentemente das diferenzas políticas".

Entre outros argumentos que Louzán esgrimiu a favor deste pacto cos nacionalistas citou os máis de doce anos de acordos "beneficiosos para Pontevedra" cun PP con maioría absoluta na Administración Provincial e un BNG en minoría no Concello capitalino "e foi un modelo que funcionou", engadiu.

Ademais animou os nacionalistas a "aproveitarse desa conxuntura" e instounos a "que pensen por riba de todo nos intereses dos cidadáns" para que o futuro goberno da Deputación non se converta "nun xogo de trileros ao servizo dos intereses persoais, ou partidistas ou de determinados territorios".

Para disipar calquera dúbida, Rafael Louzán referiuse ao alcalde de Vigo en funcións, Abel Caballero (PSOE), para apuntar que ao BNG "a opción que se lle presenta non é pactar co PSOE senón pactar con Caballero".

"Pontevedra no futuro, se se desen esas circunstancias, non ía ser a mesma. Porque a maior colaboración da historia nunca feita antes nos últimos 12 anos foi desta institución para con Pontevedra", subliñou.

Louzán tamén apelou á súa "boa relación persoal" co alcalde en funcións de Pontevedra, o nacionalista, Miguel Anxo Fernández Lores e co concelleiro pontevedrés do BNG e voceiro deste grupo na Deputación, César Mosquera.

LOUZÁN E LORES XA FALARON

De feito confirmou que Fernández Lores e el xa falaron tras os resultados do pasado domingo "e tamén falamos destas cuestións" pero precisou que "isto non quere dicir nada máis", e recalcou a boa relación persoal "fluída e extraordinaria" con Lores. "Iso en política é importante porque sabes que estás a falar cunha persoa non cun político que xoga só aos seus intereses", e de novo, apuntou "á demostración palpable e clara" dos acordos logrados nos últimos anos.

Rafael Louzán tamén se referiu ás declaracións formuladas onte por César Mosquera quen rexeitou un pacto co PSOE na Deputación de Pontevedra "só para aplaudir" e puxo dous exemplos para que os nacionalistas "reflexionen": o acordo do BNG e o PSOE no Concello de Vigo no que "primeiro os acantoaron e logo foron fagocitados ata perder toda a súa representación municipal" e aludiu á Deputación de Lugo onde "a marxinación á que o PSOE somete o BNG é tal que o desgoberno e o enfrontamento son evidentes", e incluíu como exemplo a "mala experiencia" do goberno bipartito do Concello de Pontevedra.

Louzán dixo ser "realista e consciente" de que este tipo de acordo co PP non vai a ser entendido por "algún dirixente" do BNG, " pero tamén hai persoas e votantes no Bloque Nacionalista Galego, e a eles é aos cales me dirixo, que saben que o pacto natural é co Partido Popular e non con outros" e mostrouse convencido de que a cidadanía lle pide o BNG e o PP "que sigan por esta senda" tal e como demostraron durante anos "noutras circunstancias".

VICEPRESIDENTE MOSQUERA

Preguntado por se estaría disposto a ceder a vicepresidencia da institución ao nacionalista César Mosquera, dixo "cando hai vontade de acordo, hai posibilidades para todo, e aquí hai vontade de acordo e posibilidades para todo", concluíu.

Arquivado en