O presidente provincial do Partido Popular e presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, asegurou hoxe que "a miña declaración da renda está a disposición de quen a quera ver".
Foi durante a rolda de prensa trala xunta de goberno en Deputación. Tras ser preguntado si ía seguir o exemplo deste "striptease económico" de Mariano Rajoy e Alberto Núñez Feijóo e colgar a súa Renda en Internet, Louzán explicou que a súa declaración xa esta depositada, do mesmo xeito que a do resto de cargos con dedicación exclusiva, na secretaría da institución provincial. "Calquera pode vela", afirmou.
Rafael Louzán, candidato á reelección como presidente provincial do PP, asegurou que presentará unha candidatura cunha alta porcentaxe de renovación e na que se sintan representados os máis de 34.000 afiliados da provincia.
"Haberá unha candidatura de consenso e será fácil de facer, porque aínda que non se pode falar cos 34.000 afiliados, si se vai facer cos seus interlocutores, os alcaldes e presidentes locais de cada un dos 62 concellos da provincia e eles mesmos farán a proposta", asegurou Louzán.
Este será o quinto congreso provincial ao que Louzán se presenta como candidato, o primeiro foi no ano 2000, "e desde aquela sempre se foron renovando os equipos, ao igual que se fai en todas as candidaturas presentadas por esta provincia nas distintas convocatorias electorais, nas que nalgún caso incluso superou unha taxa de renovación do 50%", explicou.
Ademais disto, Louzán agradeceu tamén o xesto dos máis de 2.000 afiliados que decidiron apoialo de novo como candidato. "Paréceme xusto agradecer este xesto voluntario dos militantes, que unha vez máis e a cambio de nada, dan a cara por este partido", incidiu.