O ex presidente da Deputación de Pontevedra e actual presidente da Federación Galega de Fútbol, Rafael Louzán, optou este xoves por acollerse ao seu dereito a non declarar ante a xuíza de Lugo que o citaba en calidade de investigado por un delito de aceptación de suborno.
Louzán fora citado, xunto ao resto de persoas non aforados investigadas neste proceso, para as 10.30 horas deste xoves. Unha vez que se situou ante a titular do Xulgado de Instrución número 1 de Lugo, Pilar de Lara, acolleuse ao seu dereito a non declarar. Fontes xudiciais confirmaron que as outras tres persoas que acudiron persoalmente á sede xudicial á mesma hora tomaron a mesma decisión. Ademais, foron citadas máis dunha decena de persoas máis para declarar por videoconferencia, pois residen fóra de Galicia.
Todos os citados este xoves en Lugo están investigados por un delito de suborno no marco da chamada operación Cóndor, cuxa peza crave é o propietario do grupo Monbus, Raúl López, investigado por oito delitos. No caso de Louzán, o seu nome aparece nun informe do servizo de Vixilancia Aduaneira entre máis dun centenar de políticos e funcionarios de distintas administracións que recibiu agasallos do Nadal da empresa de transportes, a maioría consistentes en lotes de viño.
Segundo o contido do informe adiantado por PontevedraViva, Louzán foi o destinatario deses obsequios durante catro anos na súa etapa como presidente da Deputación, entre os anos 2010 e 2013. O responsable de Monbus envioulle lotes de viño por importe de 1.476,31 euros.
En 2010 e 2011 os agasallos foron, respectivamente, catro e tres botellas do exclusivo viño Único de Veiga Sicilia valoradas en 670,24 e 517,55 euros e o paquete figura como entregado, pero aparece como ilegible a firma da persoa que o recibiu. Os dous anos seguintes, 2012 e 2013, o informe de Vixilancia Aduaneira non concreta que tipo de caldos lle enviaron, pero si que teñen un valor de 144,31 euros cada ano. Nestes dous casos, non consta quen os recibiu, pero si que se enviaron ao domicilio particular do ex presidente da Deputación en Ribadumia.
Raúl López está imputado neste proceso polos delitos de suborno, tráfico de influencias, fraude e exaccións ilegais, aproveitamento de información privilexiada, falsidade documental, delito contra a facenda pública, branqueo de capitais e corrupción entre particulares e a xuíza De Lara considera que deseñou durante anos "un complexo armazón" no que conseguía beneficar á súa compañía, "aproveitando as súas relacións a alto nivel político e empresarial".