Louzán insta ao BNG a "madurar e facerse adulto" de cara a afrontar pactos de goberno co PP

Pontevedra
04 de xuño 2015

Nunha rolda de prensa na Deputación de Pontevedra, Louzán asegurou que coa súa oferta de "acordo sen límites" aos nacionalistas "o Partido Popular en ningún momento perdeu o norte", e explicou que fai esta proposta "por responsabilidade e non por aferrarse a ningún cargo"

Rafael Louzán e Miguel Anxo Fernández Lores na Brilat Cristina Saiz

O presidente da Deputación de Pontevedra e presidente provincial do Partido Popular, Rafael Louzán instou ao BNG a "madurar e facerse adulto" de cara a afrontar pactos de goberno co PP.

Nunha rolda de prensa, Louzán asegurou que coa súa oferta de "acordo sen límites" aos nacionalistas "o Partido Popular en ningún momento perdeu o norte", e explicou que fai esta proposta "por responsabilidade e non por aferrarse a ningún cargo".

Ademais engadiu que tende a man ao Bloque "non porque sexa de esquerdas nin de dereitas, eu o que son é unha persoa con sentido común, como demostrei durante todo este tempo".

Rafael Louzán insistiu en que o PP ten a "responsabilidade" de formar goberno na Deputación de Pontevedra como "minoría maioritaria", unha situación que comparou coa do BNG no Concello de Pontevedra, "é dicir, que estamos igual, no mesmo lugar en cuestión de números", apostillou.

O líder provincial do PP sinalou que o seu partido ten un "descenso considerable de votos" pero recordou "que seguimos sendo a forza política en Pontevedra e Galicia con maior número de votos", unha situación distinta á dos nacionalistas cos cales se comparou "no caso do BNG van de capa caída", xa que, segundo os seus datos, o Bloque pasou do 16% dos votos en 2011 ao 13% en 2015 "e en varias cidades desapareceu".

"Eu creo que o Bloque ten que reflexionar e facerse adulto", insistiu.

A MATRACA ANTI-PP

Apoiado dun pequeno guión, Louzán declarou ante a prensa que "nin o PP nin o BNG somos os mesmos que os da Transición", asegurando que o Partido Popular "non vai permanecer inmóbil e o BNG, debería facer o mesmo", sentenciou.

Para o mandatario provincial "a utilización desa matraca anti-PP eu creo que ao BNG se lle rematou, agora quizais esa matraca a teñan outros", dixo.

Louzán foi máis alá nas súas consideracións cara ao que debe ser o Bloque Nacionalista Galego apuntando "creo que o BNG debe ter un futuro baseado nese nacionalismo que eles entenden, pero quizais non de dereitas nin de esquerdas", ademais o presidente provincial do PP pontevedrés cre que o BNG "debe acostumar a pactarse sobre a base de programas e proxectos en beneficio dos cidadáns e deixarse de doutrina e de ideas trasnoitadas e xuízos previos".

"Os alcaldes de Ribadeo, Tomiño, Carballo, Monforte, Bueu, ou mesmo Pontevedra, son pragmáticos e realistas, e eu diría alcaldes tipo Partido Popular", asegurou Rafael Louzán, antes de citar algúns exemplos de acordos co alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores.

"Non pode ser que a organización do BNG viva na teoría, na nube, afastada da realidade, reclamando a República galega que non interesa a ninguén", considerou. Ademais pediulles coherencia "que non piden a supresión da Deputación mentres aspira a participar nos gobernos provinciais".

Louzán recolleu as palabras dos "críticos" do BNG "que xa advirten que o Bloque vai camiño da marxinalidade".

GOBERNAR EN MINORÍA

Finalmente o presidente da Deputación non descarta gobernar en minoría, se o BNG se abstén e non apoia o PSOE. "Considéranse todas as posibilidades", recoñeceu Rafael Louzán. "A primeira aspiración lexítima e lóxica sendo o partido máis votado é gobernar na Deputación, ao igual que sucede no Concello de Pontevedra", concluíu.

Arquivado en