Será un congreso "nada parecido" ao que nomeou, no ano 2000, a Rafael Louzán como presidente do Partido Popular de Pontevedra. Así o describe el mesmo a unha semana vista do cónclave no que opta ao seu quinto mandato como máximo responsable dos populares pontevedreses. E todo porque, segundo Louzán, "a realidade que vivimos é ben distinta".
En todo caso, Rafael Louzán espera que este congreso, no que se prevé a asistencia dunhas 1.000 persoas entre invitados e compromisarios, sexa "exitoso e participativo". Nel, dixo, prevese discutir sobre "os problemas que temos todos os cidadáns", de forma que desde os poderes públicos "afrontemos os problemas de cara e vendo, na medida do posible, de darlle solución".
Mentres tanto, o comité organizador segue ultimando os detalles deste congreso provincial que se celebrará o sábado 23 de marzo no Centro Social de Novacaixagalicia en Pontevedra. E entre as últimas decisións que se tomaron figura a designación dos membros que se proporán para integrar a Mesa do Congreso.
Unha proposta que incluirá a Jesús Vázquez Almuíña (alcalde de Baiona), como presidente; a Juan Constenla Carbón (tenente de alcalde da Estrada) como vicepresidente; e a Paula Romeu Cruz (portavoz do PP de Tomiño) como secretaria. Como vocales exercerán Alexia Alonso (concelleira en Vigo); Eloísa Nogueira (concelleira en Pontevedra); María Luísa Piñeiro (alcaldesa de Moraña); e Miguel Adolfo Domínguez Alfonso (alcalde da Cañiza).
Así mesmo, os dous comunicados que se lerán no Congreso correrán a cargo de Agustín Hernández e Diego Gago Bugarín, presidente provincial de Novas Xeracións.
O responsable de NNXX será o encargado de dar lectura ao comunicado Preocupacións cidadáns: buscando solucións, no que, desde a perspectiva da mocidade, faise unha análise das principais preocupacións cidadás e as solucións que deben chegar desde distintos ámbitos, como os propios partidos e as administracións.
O segundo dos comunicados abordará a necesaria coordinación entre administracións como clave para a eficiencia e a sustentaiilidade dos servizos públicos e será lido, como xa se anunciou, polo vicesecretario do PPdeG, Agustín Hernández.