Louzán agarda que 'La Vuelta' prolongue a tempada estival e atraia turismo

O Salnés
24 de agosto 2014

Só os integrantes da caravana ciclista ocuparán máis de 3.000 camas na provincia durante tres días e anuncia catro grandes concertos nos concellos de saída e chegada de 'La Vuelta' ao seu paso pola provincia: A Estrada, Meis, Salvaterra e Cangas

Rafael Louzán no inicio de La Vuelta en Xerez Deputación de Pontevedra

O presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, destacou dende Xerez no inicio de La Vuelta ciclista a España a "enorme repercusión económica e de promoción turística" que supón este evento deportivo e se mostrou confiado en que o seu paso por máis de 30 concellos das Rías Baixas sexa un revulsivo para a provincia.

Neste sentido, Louzán destacou que se trata da primeira vez, nos 69 anos de historia desta proba, que a competición finaliza fóra de Madrid e faino con "Galicia e Compostela como fin de camiño". O presidente provincial espera que numerosos afeccionados se acheguen ata as Rías Baixas para gozar das dúas etapas pontevedresas que serán "determinantes para decidir o campión da proba".

Ademais, Rafael Louzán destacou quea participación dun pelotón de luxo, co mellor palmarés deportivo dos últimos anos fai desta edición de La Vuelta "unha ocasión magnífica para prolongar a tempada estival e atraer o turismo nacional e internacional".

Segundo afirma o titular da Deputación, estes días de agosto estase a notar que as anteriores edicións da proba ciclista tiveron xa a súa repercusión e considera que son moitas as persoas que hoxe están en Galicia con motivo da promoción que La Vuelta supuxo para a provincia. Ademais afirmou que os integrantes da caravana ciclista terán asegurada a ocupación de máis de 3.000 camas na provincia, na que permanecerán durante tres días. "Prolongamos así a tempada estival e dáselle un novo impulso a un sector en auxe en Pontevedra, como é o relacionado co turismo, a hostalaría e a restauración", asegurou antes de animar os veciños a implicarse e saír a rúa para ver o paso da serpe multicolor.

CATRO GRANDES CONCERTOS

Por último, o presidente da Deputación afirmou que está previsto organizar catro grandes concertos nos concellos de saída e chegada das dúas etapas que discorren pola provincia.

Os concellos son A Estrada, Meis, Salvaterra e Cangas e os días nos que pasará a carreira ciclista por estas localidades serán o 11 e 12 de setembro.

Arquivado en