Lourizán "nunca vai perder a titularidade pública" e Ence pode achegar cartos, pero non intervir na xestión

Pontevedra
31 de xullo 2023

Durante a súa intervención, Rueda abriu a porta á entrada de "investimento privado" no Pazo e en declaracións aos medios explicou que será "sen perder nunca a titularidade pública", pero entendendo que "hai que darlle un uso diversificado a este conxunto"

José González, Alfonso Rueda, Luís López, Rafa Domínguez, Agustín Reguera e outras autoridades, en Lourizán Cristina Saiz

A nova etapa que se abre para o Pazo de Lourizán despois da cesión da Deputación Provincial á Xunta de Galicia non está exenta de polémica. Este luns, coincidindo co acto de presentación dos novos usos desta finca, o presidente autonómico, Alfonso Rueda, responden ás distintas controversias xeradas

Un dos puntos máis polémicos é a posible privatización do Pazo, despois de que a anterior Deputación garantira que tería titularidade privada. Este luns, Rueda garantiu que "nunca se vai perder esa titularidade pública"

Do anterior goberno da Deputación, Alfonso Rueda sinalou que "era moi experto en dicir o que non se podía facer, agora, dicir o que había que facer, iso lles custaba bastante máis". E quixo contrapoñer esta forma de actuar coa que el ve na Xunta: "en moi pouco tempo dicimos o que hai que facer e empezamos a executalo". 

Durante a súa intervención, Rueda abriu a porta á entrada de "investimento privado" no Pazo e en declaracións aos medios explicou que será "sen perder nunca a titularidade pública", pero tamén entendendo que "hai que darlle un uso diversificado a este conxunto". 

Neste punto, insistiu en que "a negativa por sistema, dicir o que non se pode facer, poñer vetos o que nos leva é a que este edificio levara moitísimo tempo degradándose e sen ningunha utilidade"

"Estou seguro de que a inmensa maioría da xente estará dacordo en que combinemos os usos. Insisto, sempre sen perder a propiedade pública para darlle unha vida na que todos poidan participar", afondou o presidente autonómico.

Polémicas á marxe, durante a súa presentación oficial, Alfonso Rueda recoñeceu a contribución do ex presidente da Deputación e actual concelleiro do BNG en Pontevedra César Mosquera, que "foi quen impulsou isto".  A cesión aprobouna o anterior goberno bipartito PSOE-BNG tras 80 anos en mans do organismo provincial. 

Durante os últimos días, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, sinalou que os 17,9 millóns de euros iniciais que a Xunta de Galicia serán insuficientes. Rueda lembrou que o rexedor estaba convidado este luns e non acudiu e quixo pedirlle calma. "Dicir que non van chegar os cartos sen saber o que queremos facer aquí é bastante curioso. Primeiro, que nos deixe explicar que é o que queremos facer aquí", sinalou. 

Outra polémica en relación co Pazo é a posible intervención da empresa Ence. Este luns estaba presente na presentación Antonio Casal, director de Ence en Galicia. 

A preguntas dos medios, garantiu que "Ence aquí non tería ningún tipo de intervención na xestión nin no deseño nin en absolutamente nada", pero non pecha a porta a que faga achegas de fondos. 

Así, Rueda lembrou que a pasteira ten unha serie de compromisos coa Xunta de Galicia para facer investimentos e que tiveron "conversas" por se pode dedicar fondos á rehabilitación de Lourizán. En todo caso, "iso non quere dicir, nin moito menos, que Ence teña ningún dereito sobre este edificio", quixo aclarar o presidente galego.