Lourizán fai unha "chamada de auxilio" á sociedade pontevedresa contra a ampliación da EDAR

Pontevedra
09 de novembro 2019

A plataforma veciñal non á ampliación de Lourizán concentrouse diante da Audiencia Provincial de Pontevedra como unha maneira simbólica de "reclamar xustiza" e berrar si ao saneamento integral da ría e non á ampliación da depuradora da parroquia 

Concentración contra a ampliación da EDAR de Praceres Cristina Sáiz

A plataforma veciñal non á ampliación de Lourizán fixo este venres unha "chamada de auxilio" a toda a sociedade pontevedresa ante a "sensación de inxustiza" que sente a veciñanza desta parroquia. O colectivo concentrouse diante da Audiencia Provincial de Pontevedra como unha maneira simbólica de "reclamar xustiza" e berrar si ao saneamento integral da ría e non á ampliación da depuradora da parroquia.

A concentración, que tiña por lema 'SOS Lourizán', incluíu a lectura dun manifesto no que a plataforma manifestou a súa "necesidade de sentirnos apoiados e comprendidos fóra de Lourizán" e explicou que estar na liña de costa de Pontevedra e situada entre a cidade do Lérez e Marín debería ser, a priori, unha vantaxe e, no seu caso, "acabou converténdose na nosa desgraza". 

O obxectivo fundamental desta concentración foi manifestar a súa oposición frontal aos plans da Xunta de Galicia en relación coa ampliación da EDAR da parroquia, pois ao triplicar a depuradora actual van "acabar de masacrar a nosa parroquia".

Na súa opinión, o proxecto de ampliación é un "atentado contra o sentido común" que atribúen a dous políticos "iluminados", o presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, e a conselleira Infraestruturas e Mobilidade. , Ethel Vázquez. 

Ademais, criticaron que durante este último ano, no tema do saneamento da ría, a Xunta "mentiu máis que falou", "desinformando, manipulando á opinión pública", pois negaron durante meses que houbera un proxecto de ampliación sobre a mesa, afirmando que a decisión se atrasaba ata 2023, pero a realidade é que "durante todo este tempo estaban a traballar neste proxecto, que se sacan da manga".

O colectivo quixo deixar claro que eles si que queren o saneamento da ría, pero no que discrepan é na forma de conseguilo, pois apostan por un modelo "racional e sostible" e opóñense ao modelo "chapuceiro" da Xunta, que pasa por "degradar aínda máis". Ademais, están convencidos de que detrás da insistencia da Xunta hai intereses ocultos relacionados con Ence para ocupar e consolidar o dominio público marítimo terrestre.

A plataforma veciñal defende a necesidade de solucionar na súa totalidade os problemas coas pluviais e coa auga de mar, que na actualidade chega a superar por momentos o 60% do que entra na EDAR. Na súa opinión, a Xunta debe empezar por aí e se despois de solucionalo aínda non fora suficiente, sería o momento de pensaren facer depuradoras para o porto de Marín e para o polígono industrial da Reigosa, dous puntos que consideran "moi problemáticos" para o funcionamento óptimo da EDAR. 

Os integrantes deste colectivo veciñal denunciaron que Lourizán é unha "parroquia moribunda" pola sucesión de decisión políticas "aberrantes" das últimas décadas, que fixeron que a fachada litoral de Pontevedra quedara convertida no seu "patio traseiro", onde "meter toda a merda", nun mundo ao revés no que a cidade medrou de costas á que tiña que ser a fachada. 

Con esta concentración quixeron reclamar que é o momento de empezar a "desandar o andado" e a "corrixir os erros históricos" con Lourizán, así como de recuperar a fachada litoral da Ría fronte a unha política da Xunta de Galicia coa que van a "negarlle o futuro a Lourizán e a Pontevedra".