Lourizán acusa á Xunta de facer "chantaxe" co posible peche da ría ao marisqueo

Pontevedra
23 de novembro 2018

As análises realizadas por Sanidade ás augas das zonas de baño de Pontevedra, que cualifican de excelente a calidade da práctica totalidade da ría, demostran segundo a Plataforma Non Á Ampliación da Depuradora dos Praceres que a Xunta de Galicia está a "chantaxear" á opinión pública alertando dun posible peche do mariqueo

Mariscadores de a flote nos Praceres Mónica Patxot

As análises realizadas por Sanidade ás augas das zonas de baño de Pontevedra, que cualifican de excelente a calidade da práctica totalidade da ría, demostran segundo a Plataforma Non Á Ampliación da Depuradora dos Praceres que a Xunta de Galicia está a "chantaxear" á opinión pública alertando dun posible peche do marisqueo.

É unha estratexia, sinalan, para xustificar a ampliación da depuradora. Entenden que o goberno galego debería explicar esta "disparidade de criterios" coas análises de Augas de Galicia e acusan á Xunta de estar "dispostos a mentir, ameazar e usar falsos argumentos".

Neste feito inclúen tamén as posibles multas da Unión Europea polo saneamento da ría de Pontevedra, xa que a plataforma asegura que é o organismo autonómico o competente nesta materia "e tivo moitos anos para solucionar este problema", sen que buscaran alternativas encamiñadas a un saneamento "sustentable".

En lugar diso, engaden, "agora éntranlle as présas nunha fuxida cara adiante" cando, descartada a ampliación ata 2023, as melloras na actual EDAR "deberan ser suficientes para solucionar a curto prazo o saneamento e evitar as multas".

A plataforma entende que a solución pasa "necesariamente" por tratar as augas residuais en orixe, en cada concello, en lugar de entubalas a través de toda a ría cara un único punto, buscar alternativas á actual EDAR, asegurar a separación das augas pluviais e a eliminación da auga de mar ou separar as augas residuais industriais das domésticas.

A iso suman facer máis depuradoras de menor tamaño, como se fixo nas outras rías.

AmpArticleViewer.default.tags