Lourizán abre as súas portas e 34 empresas interésanse polo concurso para definir o seu futuro

Pontevedra
27 de decembro 2023

O conselleiro do Medio Rural, acompañado do director de Turismo de Galicia e do vicepresidente da Deputación de Pontevedra, realizou unha visita guiada polo Pazo. O xurado que está a analizar as propostas está formado por persoal do Goberno autonómico, da Deputación de Pontevedra e diversos expertos no sector

Xornada de visita guiada ao Pazo de Lourizán Xunta de Galicia

O Pazo de Lourizán abriu as súas portas ao público este mércores na segunda das xornadas de visitas guiadas organizadas pola Xunta de Galicia este Nadal, pensadas para que a cidadanía poida coñecer esta propiedade emblemática antes do proceso de rehabilitación ao que será sometida. 

O conselleiro do Medio Rural, José González, encabezou a visita, acompañado polo director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles; polo director da Axencia Galega da Industria Forestal, Jacobo Aboal; e polo vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Domínguez.

Durante esa visita, anunciou a última novidade relativa ao concurso de ideas convocado pola Xunta para realizar esa reforma. Segundo anunciou, presentáronse 34 proxectos.

O xurado que está a avaliar estas propostas está conformado por persoal do Goberno autonómico, da Deputación de Pontevedra e diversos expertos no sector. Ademais, creáronse dúas Comisións Auxiliares, unha Comisión Administrativa e unha Comisión técnica, co fin de escoller a proposta máis acaída para lograr os obxectivos que persegue a rehabilitación.

O xurado escollerá primeiro os oito proxectos que mellor se adapten. As empresas que os presentaron terán un prazo dun mes para presentar propostas concretas de rehabilitación integral e de novos usos. Estes proxectos serán avaliados pola Comisión Técnica, que fará a súa proposta ao xurado.

O concurso finalizará coa presentación do gañador, os segundos e os terceiros finalistas e cinco accésit. Todos eles percibirán un premio económico en compensación.

A Xunta destinará 17,9 millóns de euros a rehabilitar o Pazo. Os orzamentos de 2024 contan cunha dotación de preto de 870.000 para o concurso e para redactar o proxecto básico e de execución baseado na iniciativa gañadora e a previsión é que as obras estarán rematadas en 2026

O obxectivo é converter o Pazo de Lourizán no espazo aglutinador dun ecosistema de estudo e análise estatístico, investigación, formación e divulgación forestal. As actividades principais de investigación complementaranse cun programa ampliado de divulgación e formación, regrada e non regrada. 

Ademais, a combinación da rehabilitación dun edificio histórico emblemático, como é o Pazo, coa posta ao día do resto de instalacións e itinerarios polo xardín botánico, xerarán un importante atractivo para un turismo de carácter cultural.