Loureiro Crespo e Mollavao, o pavillón da Parda e máis carga social, prioridades do BNG para 2019

Pontevedra
12 de novembro 2018

Un orzamento "fortemente investidor" e que terá os seus eixos na promoción do comercio, nunha maior carga social e na igualdade. Así describiu o concelleiro de Facenda, Raimundo González, as contas municipais para 2019, cuxo borrador foi entregado este luns aos grupos da oposición para que poidan realizar as súas emendas

Entrega do borrador dos orzamentos aos partidos da oposición Mónica Patxot

Un orzamento "fortemente investidor" e que terá os seus eixos na promoción do comercio, nunha maior carga social e na igualdade. Así describiu o concelleiro de Facenda, Raimundo González, as contas municipais para 2019, cuxo borrador foi entregado este luns aos grupos da oposición para que poidan realizar as súas emendas.

Como se anunciou hai uns días, Pontevedra terá un orzamento de 76.3 millóns de euros. É un 1,59% máis que o ano pasado, que alcanzou os 75.1 millóns. As principais partidas serán a de persoal, que alcanzará os 23 millóns de euros, e os gastos correntes, que acapararán 32.5 millóns.

Ademais, as transferencias para entidades como o Pazo de Cultura ou a sociedade de Turismo de Pontevedra serán duns 5 millóns de euros e a débeda municipal situarase no seu nivel máis baixo desde 1991, ao caer ata os 12 millóns de euros, unha cifra na que se inclúe o préstamo de 1.7 millóns que tramita o Concello nestes momentos.

No capítulo de investimentos, que rozará os 12 millóns de euros, serán "prioritarias" as reformas de Loureiro Crespo (1.9 millóns) ou o barrio de Mollavao, a construción dun novo pavillón deportivo na Parda, a accesibilidade rural (1.7 millóns) ou o novo acceso a Monte Porreiro (341.000 euros).

Tamén se contemplan partidas importantes para actuacións en edificios públicos (1.3 millóns), iluminación pública (500.000 euros), casas de cultura (500.000 euros), zonas verdes (250.000 euros), parques infantís (175.000 euros) ou composteiros (150.000 euros); ou a transferencia de 615.000 euros á Xunta para a nova estación intermodal.

Respecto do ámbito social, Raimundo González destacou a partida de 290.000 euros para a dinamización da praza de abastos, así como senllos programas para o fomento do emprego e do comercio local. Incrementarase ademais o Servizo de Axuda no Fogar e redactarase un plan de igualdade por 150.000 euros.

A intención do goberno municipal é, unha vez que os grupos políticos estuden estes orzamentos e fagan as súas achegas, poder ter un documento definitivo nun prazo de quince días para poder aprobalo durante o mes de decembro.