Lores ve como "un paso máis na estratexia do PP" o aval da Xunta á Autorización Ambiental de ENCE

Pontevedra
14 de novembro 2015

O alcalde de Pontevedra asegura que "seguiremos traballando e loitando polo dereito de ter unha ría limpa" tras coñecer o informe da consellería de Medio Ambiente, que deixa a só un paso a prórroga da concesión á pasteira en Lourizán. Tras o trámite autonómico será Costas, dependente do Goberno Central, a que deba emitir o ditame definitivo

Antón Masa, Juan Manuel Loreiro e Miguel Anxo Fernández Lores PontevedraViva

"A Xunta deu un paso máis na estratexia deseñada por Ence e o Partido Popular para consolidar a fábrica na ría". Así valora o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, o ditame da consellería de Medio Ambiente que deixa a só un paso a prórroga da concesión á pasteira na súa actual localización.

O organismo autonómico informou este venres a Costas, dependente do Ministerio, que a factoría pontevedresa de Ence cumpre cos parámetros esixidos na Autorización Ambiental Integrada (AAI) en vigor.

Este aval deixaen mans do Dirección Xeral de Sustentabilidade da Costa e do Mar a decisión final sobre a concesión, un ditame que previsiblemente será posible coñecer antes de que finalice o ano.

Lores: "Seguiremos traballando e loitando polo dereito de ter unha ría limpa"

Nada máis coñecer o ditame de Medio Ambiente, o alcalde da capital compareceu ante os medios de comunición acompañado dos presidentes da Asociación pola Defensa da Ría, Antón Masa, e a Federación de Veciños Castelao, Juan Manuel Loureiro, para sinalar que "seguiremos traballando e loitando polo dereito de ter unha ría limpa".

Para Lores "a Xunta puido ter tomado medidas para evitar a consolidación", pero preferiu "regalarlle á empresa 1.000 millóns, que é o que custaría facer unha nova fábrica en terreos industriais", sinalou.

Na mesma liña crítica mostrouse Antón Masa ao asegurar que "é unha mostra clara de que a Xunta e o PP actúan ao ditado de Ence". Ambos esperan que Costas falle tamén favorablemente á prórroga da pasteira "e nese caso entendemos que estarían prevaricando", defendeu Masa.

Con todo os representantes da fronte anti-Ence confían en alargar o proceso ata despois das eleccións xerais coa esperanza de que un cambio de goberno pudea supoñer un cambio na situación.

"Nós estamos disparando con espingardas e otros con canóns, pero eso non significa que non vaiamos gañar",  concluíu Miguel Anxo Fernández Lores.

ENCE EMPEZA A DISTRIBUÍR O "VERDADEIRO LIBRO" SOBRE A FÁBRICA

Coincidindo coa rolda de prensa do alcalde de Pontevedra, Ence remitiu un comunicado á prensa no que explica que comezará a distribuír "o verdadeiro libro" sobre a fábrica.

Con este documento, que pode descargarse tamén a través da súa páxina web, pretende "desmentir as falsidades difundidas por APDR e os seus socios políticos", en referencia ao Libro Branco presentado pola fronte opositora á pasteira.