Lores varreu no centro urbano e impúxose en doce parroquias do rural

Pontevedra
26 de maio 2015

A vitoria dos nacionalistas foi incontestable. Gañou en nove de cada dez mesas electorais. Fíxoo de forma case total no centro urbano e impúxose en doce parroquias das quince do rural pontevedresas. Só cedeu ao Partido Popular o dominio en catro mesas do centro e nas parroquias de Ponte Sampaio, Cerponzóns e San Andrés de Xeve

Miguel Anxo Fernández Lores analizando os datos na xornada electoral Mónica Patxot

Miguel Anxo Fernández Lores iniciará o seu quinto mandato en Pontevedra cun forte respaldo popular. Quedou un só concelleiro da maioría absoluta, o mellor resultado da historia para o BNG na cidade do Lérez. A vitoria dos nacionalistas foi incontestable. Gañou en nove de cada dez mesas electorais. Fíxoo de forma case total no centro urbano e impúxose en doce parroquias das quince do rural pontevedresas.

Segundo os datos definitivos, o BNG fíxose forte no Gorgullón, Pontevedra Leste ou o instituto Torrente Ballester con máis do 50% dos votos emitidos, aínda que tamén quedaron preto -superando mesmo o 45%- en mesas electorais dos colexios Álvarez Limeses, Froebel, Manuel Vidal Portela e Barcelos, o albergue de peregrinos, o Centro Galego de Tecnificación Deportiva, o Recinto Feiral ou a residencia de estudantes de Abanca.

Pola súa banda, a candidatura de Fernández Lores arrasou na Canicouva -lugar onde se pretende instalar a planta de compostaxe- superando o 87% dos votos. Ademais, Marcón, Salcedo, Santa María de Xeve e Verducido foron outros dos feudos do BNG no rural. En todos eles, os nacionalistas superaron folgadamente a barreira do 40% de apoios. Foi ademais, a opción maioritaria no barrio de Monte Porreiro.

Só tres parroquias resistíronse ao BNG e elixiron o Partido Popular de Jacobo Moreira como forza maioritaria. Foron Ponte Sampaio, San Andrés de Xeve e Cerponzóns, nalgunhas de cuxas zonas superou o 40% dos votos. En canto á cidade, os populares só gañaron nunha mesa do instituto Valle Inclán, noutra do colexio Froebel e en dúas das catro do colexio Campolongo.

O PSdeG-PSOE, que logrou reter os seus tres concelleiros, obtivo o seu mellor resultado na zona periurbana, especialmente a avenida de Vigo, a zona este da cidade, os colexios Manuel Vidal Portela e Juan XXIII, San Roque ou o albergue de peregrinos, o Recinto Feiral e, especialmente, Monte Porreiro onde chegou a superar o 17% dos votos. No rural, Ponte Sampaio -con case un de cada catro votos-, foi o gran feudo socialista.

As dúas novas formacións que entran na corporación tiveron tamén un comportamento desigual. Marea Pontevedra destacou en Pontevedra Leste, onde superou o 14%. Tamén obtivo bos resultados nas mesas situadas na Casa da Luz, Barcelos, o Recinto Feiral ou Monte Porreiro e, no rural, sobre todo en Lourizán. Ciudadanos, por último, superou o 10% en Monte Porreiro, Valle Inclán ou a zona leste da cidade.

Arquivado en