Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra, comparecía este xoves na comisión especial do Parlamento de Galicia para tratar a reactivación económica tras a crise da pandemia ocasionada pola covid-19.
Lores comezou a súa intervención facendo un balance sobre os motivos que causaron a pandemia e lamentou que se desatendesen as experiencias anteriores de epidemias realizadas por especialistas. Manifestou que houbo unha "prepotencia mundial sobre como afrontar esta pandemia" e entende que deberon de tomarse medidas máis drásticas de confinamento selectivo como se levou a cabo noutros países como Australia ou Xapón, que agora xa se atopan en crecemento económico, mentres que aquí "aínda non vemos a luz ao final do túnel".
Pero o alcalde de Pontevedra quixo destacar os aspectos positivos desta situación e destacou os consensos para reforzar os sistemas sanitarios públicos, sobre todo en Atención Primaria, atención hospitalaria ou en departamentos de prevención epidemiolóxica.
A continuación, Fernández Lores analizou as medidas que se foron realizando noutros municipios "a mata cabalo" para peonalizar espazos e garantir durante a desescalada a distancia social. E lembrou que Galicia é un "gran país" para saír desta situación e puxo de exemplo á cidade de Pontevedra que pasou de ser unha "cidade gris" a unha cidade de calidade de vida e exemplo da loita contra o cambio climático, con dinamismo económico e proxección internacional a través do modelo de cidade. " Non foi un camiño de rosas. Houbo medos e reticencias", lembrou, pero insistiu en que as medidas adoptadas desde hai 21 anos supuxeron unha redución drástica de contaminación ambiental urbana e contaminación acústica, elementos que teñen relación coa saúde pública e a calidade de vida, afirmou Fernández Lores. O alcalde de Pontevedra destacou o dato da rebaixa de accidentes en xeral e de mortes por atropelo, que entre 1999 e 2006 alcanzaron as 16 mortes, mentres que desde 2011 a 2020 non se rexistrou un só falecemento.
A deputada socialista Paloma Castro, a portavoz do BNG Ana Pontón e o deputado do Partido Popular José Manuel Cores Tourís realizaron preguntas a Fernández Lores sobre a coordinación con outras administracións e, en concreto, coa Xunta para facer fronte ás necesidades en materia social que se acentuaron con motivo da crise.
Miguel Anxo Fernández Lores mantivo o seu discurso "en positivo" e ante a incerteza de saber canto diñeiro de fondos europeos van recibir as administracións suxeriu "aproveitar o tempo" para buscar asesoramento e definir un proxecto de futuro para Galicia. Neste sentido, insistiu nas posibilidades da comunidade: "podemos estar na vangarda", afirmou.
Lembrou que a sociedade de Galicia asumiu durante o tempo de confinamento "retos, sacrificos e esforzos" ante situacións extemas e isto, asegurou, anímalle a pensar que hai que asumir retos de futuro que non se abordaron no pasado. "Trátase de ser proactivos, de adiantarse ao que vai vir, de ser avanzados e referentes", explicou o máximo dirixente municipal de Pontevedra.
"Gústame ser positivo. Este país non ten que mendigar. Temos posibilidades inmensas. Negociemos e falemos con todo o mundo", insistiu ao sinalar que toda a crise económica e a débeda do Estado "imos a pagalo en 10 ou 15 anos" e Fernández Lores manifestou tamén o seu temor a novas epidemias relacionándoas co cambio climático. Por este motivo trasladou aos deputados que formaban parte da comisión que "a sociedade avanza cando hai certo acordo", concluíu Fernández Lores.