Lores someterá os orzamentos de 2024 a unha cuestión de confianza se non se aproban este venres

Pontevedra
27 de decembro 2023

Este venres 29 de decembro vai votarse o orzamento de 2024 elaborado polo goberno local do BNG e o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores anuncia que, en caso de que non conte co apoio suficiente para a súa aprobación, convocará un novo pleno de maneira inmediata para someterse a unha moción de confianza vencellada á aprobación do orzamento

Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra
Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra / Mónica Patxot

No pleno deste venres 29 de decembro debaterase o orzamento municipal do Concello de Pontevedra para 2024. Ata o momento non existe acordo entre o BNG e o PSOE para sacar adiante ese documento elaborado polo goberno nacionalista que lidera Miguel Anxo Fernández Lores.

Ante esta situación, este mércores o alcalde de Pontevedra alertaba de que é "imprescindible aprobalos" porque, de non facelo, sería necesario prorrogar o de 2023, que xa foi prorrogado e "quedarían en risco moitísimas cousas. Non se poderían facer as inversións previstas como as de fondos europeos como a nave de piragüismo ou o parque da Parda", indicou o rexedor.

Advertiu que "non aprobalos implicaría consecuencias que son dramáticas para moitísima xente" e citou, entre outras cuestións que se verían afectadas, as subvencións ao transporte público, a propostas deportivas, actividades culturais, convenios, colaboracións cos medios de comunicación, festas, eventos como Río Verbena ou como o Mundial de Loita e o Campionato de Europa de ciclocrós. 

O alcalde incidiu en que a falta de aprobación do orzamento de 2024 afectaría "absolutamente a todo menos ao que é obrigado cumprir" como é o caso do pago de 400.000 euros en xuros, o convenio do lixo, a auga ou a subida de soldo do persoal funcionario.

Por este motivo, Lores avanzou que no caso de que non se aproben estes orzamentos municipais este venres utilizará todos os mecanismos ao seu alcance para que sexan aprobados. "De maneira inmediata tentaremos convocar un pleno para aprobar os orzamentos unidos a unha cuestión de confianza, que é o que me permite a lei", afirmou o alcalde pontevedrés.

Lores sobre os orzamentos de 2024: "non aprobalos implicaría consecuencias que son dramáticas para moitísima xente"

Desta forma, a próxima semana celebraríase unha nova sesión plenaria na que se votaría outra vez a aprobación dos orzamentos. En caso de non aprobarse, a cuestión de confianza recolle que se non se establece un candidato a alcalde alternativo nun prazo dun mes dentro dunha moción de censura, os orzamentos municipais do BNG quedarían aprobados aproximadamente a primeiros de febreiro, segundo manifestou Fernández Lores.

Sobre a postura que mantén o grupo municipal socialista, que lidera Iván Puentes, o rexedor expuxo: "sabemos o que hai. A miña preocupación é que haxa orzamentos. Houbo contactos. O que observamos do Partido Socialista na práctica é que non lle interesa chegar a un acordo razoable. A partir de aí eu non podo estar esperando que lle veña o sentidiño a todo o mundo".

Lores insistiu en que este orzamento é o maior que tivo Pontevedra na súa historia e cualificounos de "sensatos e responden as necesidades perentorias que Pontevedra ten. Ten que ver cun modelo que ten un éxito importante e que xenera actividade económica. Se non se quere entrar nesta liña de avance que ten Pontevedra, que se busque outra alternativa", advertiu.