Lores, sobre os cobros do IBI aos comuneiros: "Nós non decidimos que recibos se pasan"

Pontevedra
20 de febreiro 2024

O Concello, segundo explicou o alcalde, "limitouse a pasar os recibos que manda o Catastro", o organismo que comunica periodicamente que terreos son susceptibles de pagar o IBI. "É un tema que nós nos podemos variar", engadiu

Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra Mónica Patxot

Ao alcalde de Pontevedra "sorpréndelle un pouco" que os comuneiros denunciasen ante a Fiscalía a cobranza do IBI sobre terreos veciñais. A través deste trámite, asinado por oito comunidades de montes, os interesados recorren o pago de quince recibos do ano 2023.

"Temos a vontade de resolver este tema", asegurou Miguel Anxo Fernández Lores, que explica que este asunto hai que solucionalo "en orixe", na Dirección Xeral do Catastro.

O Concello, segundo explicou o alcalde, "limitouse a pasar os recibos que manda o Catastro", o organismo que comunica periodicamente que terreos son susceptibles de pagar o IBI. "É un tema que nós nos podemos variar", engadiu.

Ata a sentenza que outorgou a titularidade dos terreos de Montecelo aos comuneiros, era o Servizo Galego de Saúde o que pagaba o IBI polo hospital "como ten que ser", reiterou o alcalde, porque o centro hospitalario "non é dos veciños, é do Sergas".

O alcalde lembrou que os montes comunais están exentos de IBI, segundo a lei, pero non así as edificacións que se constrúan sobre eses terreos, xa sexan inmobles de uso público ou privados, incluídos galpóns, casetas de todo tipo ou ata garaxes.

"Haberá que clarificar o tema desde o punto de vista xurídico", subliñou.

Fernández Lores entende que este conflito pódese resolver mediante unha tramitación administrativa. O propio Concello tentouno co Catastro, pero este insistiu en que deben ser os titulares dos terreos os que realicen este tipo de xestións.

Dentro do convenio que os comuneiros asinaron co Sergas por Montecelo, xa debería figurar que o IBI por Montecelo debía pagalo a administración sanitaria, que era quen o estaba abonando ata a data da sentenza.

"O Catastro considera que os propietarios son os comuneiros. Nós non decidimos que recibos se pasan", reiterou o rexedor pontevedrés, que se ofreceu aos afectados para facer toda esta tramitación conxuntamente coa administración municipal.

En todo caso, Lores sostivo que este asunto está aínda na vía ordinaria e o Concello "non reclamou os cartos pola vía executiva", polo que mostrou a súa confianza de que se poida resolver antes de que avance o proceso xudicial.

Ademais, o alcalde lembrou que, unha vez estea construído o Gran Montecelo, está acordado co Sergas que o complexo hospitalario quedará exento de IBI, xa que o Concello condonará o pago deste imposto, como fai coa Universidade de Vigo polo campus.