Lores sobre o complexo deportivo da Parda: "gustaríame que estea rematado en 2019"

Pontevedra
31 de marzo 2017

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e a concelleira de Deportes, Anxos Riveiro, mantiveron este venres unha reunión en Santiago coa Secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez, para falar sobre a construción do centro lúdico-deportivo e na que Pontevedra solicitou á Xunta que colabore economicamente co ITU Multisport Festival de tríatlon de 2019

Marta Míguez, Miguel Anxo Fernández Lores e Anxos Riveiro Concello de Pontevedra

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e a concelleira de Deportes, Anxos Riveiro, mantiveron este venres unha reunión en Santiago coa Secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez, para falar sobre o proxecto de construción do centro lúdico-deportivo da Parda e na que Pontevedra solicitou á Xunta que colabore economicamente co ITU Multisport Festival de tríatlon de 2019.

Lores recoñeceu con respecto á Parda, onde está previsto construír un novo pavillón deportivo e un anexo para ximnasia, que "gustaríame que estea rematado no ano 2019".

Para iso está calculado poder adxudicar partidas á obra nas anualidades de "2018-2019 e este ano xa se é posible facer algo na urbanización da parcela", sinalou o rexedor.

Será un investimento importante na que se pretende que a Xunta de Galicia colabore achegando o 50% do custo do pavillón principal, o que situaría a súa achega "arredor dos dous millóns de euros".

Polo momento a intención é asinar un protocolo de colaboración coa administración autonómica que se verá referendado co convenio definitivo unha vez deseñado o proxecto e concretado o seu orzamento final.

COLABORACIÓN NO MULTISPORT FESTIVAL DE TRÍATLON

Outro dos asuntos tratados no encontro coa Secretaria Xeral para ou Deporte foi a organización do ITU Multisport Festival de tríatlon que terá lugar en Pontevedra en 2019, o que supoñerá que se celebren na cidade ata catro campionatos do mundo en apenas 10 días.

"Nun evento destas características, aínda que permitan o uso do CGTD, a Xunta ten que estar no comité de honra e facer unha importante colaboración", explicou Lores, que trasladou a petición para que a administración autonómica comparta parte dos gastos de organización dun evento do que, defende, se beneficiará toda Galicia.

O comité organizador do Multisport Festival de tríatlon constituirase "nun par de meses", sinalou Anxos Riveiro, e tomará como referencia a primeira edición do evento, prevista para o próximo verán en Canadá, para elaborar un orzamento e empezar a organizar a súa insfraestructura.