Lores, sobre as restricións en Pontevedra: "Os botellóns fanse noutros sitios e logo padecemos nós as consecuencias"

Pontevedra
30 de xuño 2021

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, sinalou que lle parece "moi contraditorio" que se castigue á hostalería local por un brote "que vén de fóra" e, unha vez máis, "paguen xustos por pecadores" cando non se rexistra transmisión comunitaria

Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra Mónica Patxot

Os 85 positivos que, segundo as últimas estimacións, se detectaron en Pontevedra derivados da viaxe de escolares a Mallorca provocaron que, a partir deste sábado, se eleven as restricións na cidade.

Serán, fundamentalmente, restricións na hostalería. Ao pasar a nivel medio, en Pontevedra reducirase o aforo ao 30% no interior dos establecementos e ao 50% nas terrazas. Ademais, o lecer nocturno non poderá reabrir por agora.

Non hai prohibicións, senón tan só recomendacións, en canto a reunións sociais e encontros familiares que, segundo Sanidade, é por onde se estarían rexistrando os contaxios derivados do macrogromo de Mallorca.

Por iso é polo que o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, sinalase que lle parece "moi contraditorio" que se castigue á hostalería local por un brote "que vén de fóra" e, unha vez máis, "paguen xustos por pecadores" cando non se rexistra transmisión comunitaria.

Fernández Lores asegura que, na información facilitada por Sanidade, reflíctese que todos os casos detectados teñen relación co brote de Mallorca e que "non hai indicios" de que se rexistraran contaxios nos establecementos de hostalería.

"Agora que empezaban a normalizar a súa actividade e sen demostrarse que houbo erros nas medidas preventivas, son os que van sufrir as restricións sen modificarse o resto", apuntou o alcalde, que espera que este paso atrás "dure pouco tempo".

Ademais, o rexedor pontevedrés asegurou que é "gracioso" que en Mallorca, o lugar onde se produciu o gromo que afectou a media España, a hostalería "segue igual" e sexa en Pontevedra "onde pagamos as consecuencias".

Tras destacar que en Pontevedra "non hai nigún brote relacionado co botellón", Lores engadiu que "os botellóns fanse noutros sitios e logo padecemos nós as consecuencias".