Lores sobre as críticas do PP á cesión de Santa Clara: "Domínguez non forma parte da dereita ilustrada de Pontevedra"

Pontevedra
04 de xaneiro 2023

O alcalde de Pontevedra respondía así ás críticas de Rafa Domínguez que considera "un pelotazo" esta decisión do Concello pontevedrés de ceder as instalacións de Santa Clara á Deputación para a súa incorporación ao Museo. Fernández Lores non entende esta postura e fala da incoherencia do Partido Popular que na Deputación votou a favor desta operación

Miguel Anxo Fernández Lores, no claustro de Santa Clara
Miguel Anxo Fernández Lores, no claustro de Santa Clara / Mónica Patxot - Arquivo

Rafa Domínguez, portavoz da oposición municipal, criticaba a entrega de chaves de Santa Clara efectuada polo Concello de Pontevedra á Deputación para que se incorpore ao Museo. O presidente local do PP cualificaba esta acción como "un pelotazo" e afirmaba que a Deputación Provincial "adquire gratis algo que compramos cos nosos impostos todos os pontevedreses".

Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra, respondía a preguntas dos medios de comunicación este mércores a esas declaracións sinalando que non as entendía. "Pensei que o PP de Pontevedra, despois do posicionamento do Partido Popular de Galicia dicindo que tiña que estar en Santa Clara fixera recapacitar a Domínguez", expuxo.

A continuación lembrou que a cesión permitirá que o Museo sexa o máis importante xestionado por unha entidade pública de carácter local. "Domínguez non forma parte da dereita ilustrada de Pontevedra, que nos trouxo ata aquí", indicou Fernández Lores, para engadir que Pepa Pardo, concelleira municipal e deputada provincial do PP, votara na Deputación a favor da integración de Santa Clara no Museo. "Creo que hai practicamente unanimidade en que o Museo sexa un orgullo para a cidade", asegurou o rexedor.

O alcalde tamén explicou que se necesita a colaboración da Xunta de Galicia e do Goberno do Estado porque será necesario un investimento superior aos 30 millóns de euros para rehabilitar este edificio que recollerá os restos arqueolóxicos da provincia, salvo a zona de Vigo. "É o investimento máis grande cultural feito dentro da cidade. Estar fóra diso, por parte do portavoz da oposición, é estar un pouco despistado", concluíu.

Avanzou tamén que a presidenta da Deputación, Carmela Silva, xa solicitou unha entrevista co ministro de Cultura para estudar posibles financiamentos por parte do Estado na reforma de Santa Clara.