Lores reivindica en Madrid as "cidades para as persoas" para combater a emerxencia climática

Pontevedra
11 de febreiro 2020

A ONG ambiental Ecologistas en Acción organizou este martes en Madrid unha xornada que analizou exemplos de éxito en materia de zonas de baixas emisións contra a contaminación e a emerxencia climática. Unha das experiencias que se analizaron foi a de Pontevedra

Intervención de Fernández Lores na xornada de Ecologistas en Acción Concello de Pontevedra

A ONG ambiental Ecologistas en Acción organizou este martes en Madrid unha xornada que analizou exemplos de éxito en materia de zonas de baixas emisións contra a contaminación e a emerxencia climática. Unha das experiencias que se analizaron foi a de Pontevedra.

O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, que interveu na xornada tras os representantes de Milán e Londres, defendeu apostar por "cidades para as persoas" como medida efectiva para reducir as emisións contaminantes no planeta e gañar en calidade de vida.

Fernández Lores asegurou que, aínda que todas as cidades son diferentes, "é nas cidades onde vive a xente maioritariamente e é necesario mellorar a calidade de vida" e que as urbes máis grandes "teñen a obriga de tomar medidas porque a xente non respira".

Nunha xornada na que todos os relatorios estiveron centrados en medidas e estratexias para reducir o tráfico e o número de coches en circulación, o alcalde de Pontevedra volveu defender enerxicamente "a valentía política" para cambiar o paradigma.

"Non hai escusas para que desde os gobernos municipais non se tomen decisións que favorezan a calidade de vida nas cidades, e o que me estraña é que non se estea facendo porque está demostrado que só dá bo resultados: para a veciñanza, para o medio ambiente e mesmo electoralmente", afirmou o rexedor.

Antes da intervención de Fernández Lores, interveu o investigador do CSIC, Xavier Querol, quen defendeu que non é suficiente con facer peonís algunhas rúas senón que é necesario reducir o número de vehículos motorizados e, neste sentido, asegurou que as zonas de baixas emisións deben ser o máis amplas posibles e "o máis parecido a unha cidade enteira".

Na sesión de tarde, tras unha análise da efectividade de Madrid Central en canto á redución de gases contaminantes, a xornada rematará cun debate no que participarán responsables dos gobernos municipais de Madrid, Barcelona, Valencia, Valladolid, e Pontevedra.

A xornada contou con 100 persoas inscritas, entre as que estaban persoas con responsabilidades políticas municipais, técnicos e profesionais en materias relacionadas coa mobilidade sustentable e calidade do aire, activistas e persoas do ámbito académico.