Lores presenta un programa "sólido e realista" para impulsar "a Pontevedra que avanza"

Pontevedra
06 de maio 2023

Abrir unha nova etapa en Pontevedra con "novos retos e propostas, con ilusións renovadas e con fresca e entusiasta paixón por gañar o noso futuro". Ese é a filosofía do programa electoral co que o BNG se presenta ás eleccións municipais do próximo 28 de maio

Presentación do programa electoral do BNG BNG

Abrir unha nova etapa en Pontevedra con "novos retos e propostas, con ilusións renovadas e con fresca e entusiasta paixón por gañar o noso futuro". Ese é a filosofía do programa electoral co que o BNG se presenta ás eleccións municipais do próximo 28 de maio.

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, que opta a un sétimo mandato consecutivo, debullou este sábado as principais medidas que recolle este compromiso coa cidadanía e que, segundo destacou, supón unha "base moi sólida para avanzar".

Ante o centenar de persoas que acudiron á Sala Tangram, en Rosalía de Castro, Fernández Lores defendeu que o programa do BNG é "rigoroso" e está afastado do que denominou o "política espectáculo", apostando por solucións "adaptadas á nosa realidade".

"Fronte a candidaturas das que unhas propoñen frear o avance e desviar o modelo cara camiños diferentes e contraditorios e outras dar abertamente unha volta atrás, o BNG propón máis modelo Pontevedra e máis avanzar cara o futuro", sostivo o candidato nacionalista.

Todas as iniciativas que o BNG incluíu nesta declaración de intencións, segundo Lores, están deseñadas para converter a Pontevedra "en capital de futuro", un futuro que ao seu entender debe ser "de alta calidade, verde, dinámico e integrador".

Así, avanzou a súa aposta por elevar "cada vez máis" a calidade de vida urbana e rural, para o que ve "prioritario" a reforma integral da fachada marítima e fluvial, os eixos entre Eduardo Pondal e Echegaray e entre Andrés Muruais e Riestra, os barrios de Campolongo, A Moureira, O Burgo ou Monte Porreiro ou os núcleos de Ponte Sampaio, Santa María de Xeve e Verducido.

Lores chamou ademais a "explotar" o dinamismo social, económico, cultural e deportivo da cidade, mellorar os mecanismos de participación veciñal, facer de Pontevedra un "referente" no tratamento dos residuos ou a recuperación da ría e estimular a "explosión de creatividade" que se está rexistrando na cidade serán outros dos ámbitos de traballo.

Recuperar a Bienal de Arte, impulsar o novo pavillón da Parda e o especializado en tenis de mesa de Monte Porreiro, a rehabilitación do Pazo ds Cultura e do Teatro Principal, a recuperación da Xunqueira de Ponte Sampaio ou revitalizar o mercado de abastos figuran tamén entre os compromisos do alcalde.

A iso sumou a aspiración de converter o Museo de Pontevedra "non que sempre debeu ser", o Museo Nacional de Galicia; ver Santa Clara, a ría ou a Xunqueira de Alba "a pleno rendemento"; ou o impulso á variante de Alba, o vial de Mollavao, o nó de Bombeiros ou o paseo a Marín.

O programa electoral do BNG, que recolle todas as medidas concretas que queren impulsar no próximo mandato, pódese consultar na súa páxina web.