Lores pide por carta a Rajoy que non aprobe a prórroga a ENCE co goberno en funcións

Pontevedra
14 de decembro 2015

Na misiva, Fernández Lores trasládalle a Rajoy a "inmensa preocupación" dos pontevedreses ante a posibilidade de que o seu goberno "hipoteque o futuro da cidade e da nosa ría" prorrogando a continuidade da pasteira

Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra, no seu despacho Mónica Patxot

Para Miguel Anxo Fernández Lores, a "transcendente" decisión sobre o futuro do complexo industrial de Lourizán non debe ser adoptada por un goberno en funcións. Por iso, o alcalde de Pontevedra remitiulle unha carta ao presidente do Goberno, Mariano Rajoy, na que lle pide que non se cometa o "erro histórico" de ampliar a concesión a ENCE na Ría e que, en todo caso, a decisión tómea o novo Executivo que salga das urnas.

Na misiva, Fernández Lores trasládalle a Rajoy a "inmensa preocupación" dos pontevedreses ante a posibilidade de que o seu goberno "hipoteque o futuro da cidade e da nosa ría" prorrogando a continuidade da pasteira.

Esta decisión, asegura o alcalde na súa comunicación ao presidente do Goberno, tería unha "repercusión negativa semellante ou mesmo maior" á decisión tomada o 13 de xuño de 1958 polo goberno de Francisco Franco -que aprobou a instalación da fábrica- "outro cidadán de orixe galega e de infausta lembranza para esta comarca".

Neste sentido, o rexedor da capital lembra a Rajoy que os actuais donos da compañía "eran coñecedores do prazo de caducidade que condicionaba mesmo o prezo de adquisición" e que unha hipotética prórroga supoñería un "agravio comparativo" con miles de empresarios e emprendedores "aos que ninguén lles regala o solo que ocupan" coas súas respectivas actividades económicas.

"Nas súas mans está que non se cometa un segundo erro imperdoable e irreversible para o seu futuro", continúa a carta remitida ao presidente do Goberno, ao entender que "aínda hai tempo" para que a empresa abandone Lourizán antes de 2018 a unha localización alternativa fóra da Ría de Pontevedra que permita cambiar a tecnoloxía, culminar o ciclo produtivo e crear novos postos de traballo.

Segundo Lores, "se así o decide terá todo o noso apoio para a recuperación do espazo marítimo-terrestre de Lourizán". Así se poderá, conclúe, continuar as reformas na nosa contorna porque "a alguén se lle ocorreu, no século pasado, colocar o inodoro no comedor de casa, porque a ría é a nosa despensa alimentaria, turística e paisaxística". Ante esta situación, reitera, "a ría é o noso futuro, non permita que ENCE a secuestre".