"Ask a Mayor", é dicir, pregunta ao alcalde, é a nova serie de entrevistas que iniciou a cadea estadounidense Bloomberg, que decidiu conversar con rexedores de todo o mundo para ver "que están a facer para facer máis vivibles as súas cidades".
Foi o de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, o que estreou este programa especial, e que segundo o goberno municipal sitúa á Boa Vila, unha vez máis, como referente internacional en materia de deseño urbano e mobilidade.
A reportaxe, que foi gravada en Pontevedra o pasado mes de xullo, reflexiona como a cidade, afectada dun número excesivo de coches, "agora é un modelo de éxito na tendencia global das cidades para reclamar as rúas para os peóns".
A propia ministra para a Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, compartiu esta reportaxe nas súas redes sociais, poñendo en valor que sexa Pontevedra quen protagonice a estrea desta serie de entrevistas pola que pasarán alcaldes e alcaldesas de todo o mundo.
"Gañar o espazo urbano para os cidadáns e velar pola súa saúde son os obxectivos protagonistas da transformación da cidade", explicou Ribera.