Lores insta o Estado a decidir o futuro da antiga Facenda: "Non se pode deixar caer"

Pontevedra
13 de decembro 2023

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, asiste con preocupación á falta de avances con respecto á rehabilitación da antiga sede de Facenda, en San Francisco, e instou ao Estado para tomar unha decisión sobre o seu futuro

Antigo edificio de Facenda e conventro de San Francisco Mónica Patxot

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, asiste con preocupación á falta de avances con respecto á rehabilitación da antiga sede de Facenda, en San Francisco, e instou ao Estado para tomar unha decisión sobre o seu futuro.

"Non se pode deixar caer o edificio", sostivo Fernández Lores, que considera que sexa cal for o seu destino final "ten que estar dedicado á actividade pública".

Tras lembrar as diversas propostas que chegaron a suxerirse para ocupar ese inmoble, o alcalde lembrou que a intención do Goberno era que fora a nova sede do arquivo histórico provincial, que viría aparellada a unha reforma valorada en máis de 9 millóns de euros.

Pero nas últimas semanas, desde a Xunta de Galicia e desde a Deputación de Pontevedra pediron que o edificio sexa, ao mesmo tempo, arquivo e biblioteca pública, trasladando a este inmoble as actuais instalacións da rúa Alfonso XIII.

Lores asegura que as dúas cousas "non caben", porque a actual biblioteca ten a mesma superficie que hai dispoñible en San Francisco, pero en todo caso reitera que "hai que actuar xa porque ou edificio está a deteriorarse e non podemos perder ese patrimonio".

"Ao final a casa está por varrer", ironizou o alcalde, que fixo un chamamento para que "se tomen decisións" e as diferentes administracións poidan coordinarse, freando así a deterioración que vai acumulando este histórico edificio.