Lores, entrevistado pola Comisión Europea polo premio Urban Road Safety Award

Pontevedra
25 de xullo 2020

A páxina web da Semana Europea da Movilidad, creada pola Comisión Europea, publicou unha entrevista co alcalde de Pontevedra con motivo do recente premio que a cidade recibiu en materia de mobilidade urbana

Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra Mónica Patxot

A Comisión de Mobilidade da Unión Europea publicou unha entrevista co alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, con motivo do Urban Road Safety Award, o recente galardón concedido á cidade polas súas boas prácticas en mobilidade urbana.

Este premio recoñeceu o traballo realizado en favor da redución de velocidade no centro urbano e a ganancia de espazos públicos para os peóns.

A entrevista pode consultarse na páxina web da Semana Europea da Movilidad, creada pola propia Comisión Europea para distinguir as boas prácticas a nivel municipal. Alí, a entrevista a Lores comparte espazo coas dos outros dous rexedores de localidades galardoadas.

Fernández Lores repasa nesta publicación algunhas das medidas adoptadas na cidade nos últimos anos, ademais de ofrecer consellos a outros municipios se queren optar por medidas como as implantadas en Pontevedra.

Debido á pandemia Pontevedra aínda non puido recibir o Urban Road Safety Award, estando á espera de coñecer cando se realizará finalmente a entrega do galardón.