Unha experiencia "inspiradora" para a Lisboa que ten que xurdir tras a COVID-19. Así describiron a Pontevedra no debate sobre mobilidade que se celebrou este xoves na capital portuguesa e na que participou o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores.
O encontro tivo lugar na terraza do café lisboeta 'A Brasileira' e enmárcase nunha serie de encontros denominados 'Debater a cidade. Regresar á cidade', para reflexionar sobre o efecto da pandemia na recuperación da capital lusa.
Segundo explicou a moderadora do debate, a xornalista e ex directora executiva do Diario de Noticias, Catarina Carvalho, a presenza do alcalde de Pontevedra nesta cita obedece a que grazas ao traballo realizado nos últimos 20 anos, non precisou de medidas específicas para facilitar a volta das persoas á rúa de forma segura tras o confinamento.
O alcalde centrou a súa intervención en dar unha visión xeral das claves do modelo pontevedrés, que resumiu en recuperación do espazo público para as persoas, calmado do tráfico, prioridade da mobilidade peonil e políticas para dotar de actividade económica, cultural, deportiva e festiva os espazos recuperados.
Gañar calidade de vida, aumentar poboación no centro urbano, ter poboación menos envellecida ou reducir emisións e contaminación foron os puntos que máis interesaron durante o encontro, ao ser as principais preocupacións dos organizadores do debate.
A pregunta de se o modelo funcionaría en Lisboa ou só funciona en Pontevedra porque é unha cidade pequena, Fernández Lores insistiu en que "cada cidade ten que buscar o seu propio camiño pero, en todo caso, as cidades grandes poden apoiarse no transporte público".
A busca dun modelo de cidade sostible, destacou o alcalde, "non é un problema só de Lisboa senón que todas as cidades teñen que tomar decisións para ser máis habitables, máis seguras e menos contaminantes e, neste sentido, a COVID está acelerando as cousas".
Ademais no marco da relación entre crise sanitaria e recuperación económica, o alcalde de Pontevedra fixo mención ao impacto da recuperación dos espazos urbanos no comercio de proximidade e na economía local asegurando que a actuación pública no espazo urbano "estimula a actividade económica privada".
Por último, tamén se referiu á autonomía das persoas máis vulnerables (crianzas, persoas con discapacidade e persoas maiores) e á calidade de vida en xeral, indicando que "se non se fan actuacións deste tipo a poboación busca calidade de vida fóra da cidade, que era que pasaba en Pontevedra en 1999".
No encontro tamén participaron o concelleiro de Mobilidade de Lisboa, Miguel Gaspar, a activista a prol do uso da bicicleta, Rita Fernandes, o representante da Asociación pola Mobilidade Urbana en Bicicleta, Mário Alves, e o presidente da Xunta de Freguesía da Baixa Lisboa, Miguel Coelho.
Ademais de participar neste debate, Fernández Lores aproveitou a súa estancia en Lisboa para manter encontros coa prensa local para explicar o modelo urbano pontevedrés, entre eles a canle de televisión TVI, a revista Visao ou o xornal Folha de Sao Paulo.
A primeira hora da tarde viuse tamén co presidente da Cámara de Lisboa, Fernando Medina, para intercambiar impresións sobre os efectos da crise sanitaria e a adaptación das cidades. Neste sentido, o dirixente luso coincidiu en ver a pandemia como unha oportunidade para "avanzar na dinámica de recuperar o espazo público e retirar os coches da cidade".