Lores, en Hong Kong: "Estou sorprendido polo gran interese que está a xenerar Pontevedra"

Pontevedra
23 de novembro 2015

As primeiras horas da delegación pontevedresa en Hong Kong están sendo máis proveitosasdo inicialmente previsto. Tras un primeiro contacto cun grupo de empresarios locais, o alcalde de Pontevedra destacou o "gran interese" que está espertando esta visita en "certos sectores económicos" da cidade chinesa. Hai xa varias empresas que se amosan dispostas a importar diferentes produtos feitos en Galicia

Miguel Anxo Fernández Lores e Daniel Macenlle, en Hong Kong PontevedraViva

As primeiras horas da delegación pontevedresa en Hong Kong están sendo máis proveitosas do inicialmente previsto. Tras un primeiro contacto cun grupo de empresarios locais, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, destacou o "gran interese" que está espertando esta visita en "certos sectores económicos" da cidade chinesa. Hai xa varias empresas que se amosan dispostas a importar diferentes produtos feitos en Galicia.

Estes contactos continuarán nos próximos días e terá unha cita importante o vindeiro mércores. A Asia-Spain Association, unha organización formada por empresarios e executivos con intereses comerciais en España, está a preparar unha cea na que o alcalde aproveitará para tratar de abrir camiño á promoción turística da cidade e mesmo avaliar posibles relacións comerciais con empresas locais.

"Esta é unha viaxe moi interesante porque pode dar lugar a novos intercambios", sinalou Fernández Lores no seu primeiro día en Hong Kong. Este interese en facer negocios con Pontevedra esténdese tamén a tres cidades chinesas -Jinjiang, Changxing e Foshan- que queren aprender da experiencia pontevedresa nos ámbitos de mobilidade, seguridade viaria e accesibilidade. De feito, Foshan amosou a súa vontade de ‘irmandarse’ coa cidade do Lérez.

Antes dese encontro empresarial, Pontevedra recollerá un novo recoñecemento internacional ao seu modelo urbano. A Fundación Prospectiva e Innovación, unha organización francesa presidida na actualidade polo ex primeiro ministro galo Jean-Pierre Raffarin, faralle entrega ao alcalde do premio Cidade de Mobilidade Intelixente Euro-China 2015. Será dentro do China International New Energy Vehicle, unha feira internacional do sector automovilístico.

O premio que recibirá Pontevedra enmárcase na categoría Deseño e Planificación Urbana, que distingue experiencias de novas cidades, zonas de baixas emisións de contaminantes. Xunta a ela premiaranse, en distintas categorías, outras 19 cidades chinesas e 20 europeas, vencelladas todas elas pola súa aposta a prol da chamada mobilidade intelixente.

Na mesma xornada, Pontevedra presentará un vídeo sobre a cidade e defenderá o seu modelo nunha mesa redonda na que Daniel Macenlle, intendentre principal de la Policía Local, falará da transformación da capital e os resultados medibles dunha experiencia cuxo afán é mellorar a calidade de vida urbana e coidar das persoas. De feito, a recuperación de espazos públicos para o goce cidadán e a diminución da contaminación foron factores determinantes para a concesión do galardón.