Lores e o modelo urbano da cidade 'asaltan' A Bastilla

Pontevedra
11 de marzo 2017

Tras reunirse co alcalde de Grenoble, Eric Piolle, e tender pontes entre ambas as dúas cidades para o intercambio de información e ideas na reforma de espazos urbanos, o alcalde de Pontevedra puido visitar a popular fortaleza francesa dentro da viaxe que protagoniza estes días para expoñer o modelo urbano de Pontevedra

Miguel Anxo Fernández Lores visitando a fortaleza da Bastilla, en Grenoble Concello de Pontevedra

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, mantivo este sábado unha reunión co alcalde de Grenoble, Eric Piolle, e varios responsables municipais para compartir ideas sobre a transformación urbana e tender pontes para o intercambio de información entre ambas localidades.

Lores desprazouse ata Francia para participar na Bienal Cidades en Transición, na que se debateu sobre a alternativa real ás cidades invadidas polos coches.

Tras a súa participación no coloquio e as reunións co goberno local de Grenoble, o rexedor pontevedrés tivo tempo de visitar A Bastilla, a popular fortaleza que preside esta cidade gala e á que se accede a través dun teleférico.

Para rematar o alcalde de Pontevedra participou tamén como convidado no programa de radio 'CO2 Mon Amour', programa de ámbito nacional sobre medio ambiente, ecoloxía e desenvolvemento sostible que se realizou desde Grenoble con motivo da bienal.