Lores culpa do resultado do BNG á "ofensiva do Partido Popular-Feijóo acompañado de ENCE-Colmenares"

Pontevedra
27 de maio 2019

"Non estamos para saltar porque non temos a maioría absoluta", admitiu o candidato do Bloque, Miguel Anxo Fernández Lores. "Estamos en condicións de seguir gobernando este Concello, de seguir avanzando", engadiu, e anunciou que "a partir do luns" continuarán as análises "con calma" de todos os datos

Discurso de Lores ante a sede do BNG na noite electoral PontevedraViva

A tardanza en comparecer ante os medios de comunicación (ata poucos minutos antes das doce da noite) e as caras dos membros da candidatura do BNG eran elocuentes, os resultados non son o agardado. "Non estamos para saltar porque non temos a maioría absoluta", admitiu o candidato do Bloque, Miguel Anxo Fernández Lores.

"Ganamos as eleccións, porque é unha verdade 'como la copa de un pino' é o sexto mandato consecutivo que ganamos as eleccións", repetiu Lores. E para animar aos seus engadiu "é un éxito importantísimo".

Tras agradecer o voto a "todos o que apostaron polo BNG". O candidato á reelección admitiu que "saliron as contas moi mal" porque o Bloque perdeu un concelleiro. "Non é escusa ningunha", dixo.

Sobre as causas desta baixada, nunha primeira análise Fernández Lores sinalou que "durante este mes, e mesmo na xornada de reflexión, houbo unha ofensiva do Partido Popular-Feijóo acompañado de ENCE- Colmenares, que foi unha ofensiva absolutamente agresiva".

"Eu creo que iso foi o que influiu maioritariamente nesa perda de pequeno porcentaxe que nos impediu manter o resultado anterior ou incluso sacar a maioría absoluta", valorou o candidato do BNG.

Fernández Lores destacou que "estamos en condicións de seguir gobernando este Concello, de seguir avanzando". E anunciou que "a partir do luns" continuarán as análises "con calma" de todos os datos.

Finalmente, Lores quixo mandar a seguinte mensaxe: "Non nos van a tombar, eu teño mi claro que non van a facernos recuar da recuperación da ría y de que Ence se ten que ir da ría".

GOBERNAR EN COALICIÓN OU EN SOLITARIO?

Preguntado polos xornalistas durante a súa comparecencia pola posibilidade dun pacto de goberno co Partido Socialista, Miguel Anxo Fernandez Lores apurou a pedir "tranquilidade" e quixo marcar os tempos. Así, o primeiro segundo Lores será "analizar absolutamente todo" desde o escenario que deixaron as urnas en Pontevedra ata as relacións do BNG con outros partidos, xa que segundo lembrou "nós temos ao longo destes últimos mandatos experiencias positivas e temos gobernado en coalición". 

A decisión tomarase, segundo indicou o líder nacionalista, tendo en conta que "a nós só nos move que Pontevedra avance" e neste sentido "se considerásemos nun momento determinado que Pontevedra avanzase máis cun pacto pois faríamos un pacto e senón seguiremos en solitario". Por iso, insistiu "analizaremos en profundidade todas as posibilidades".

ÚLTIMO MANDATO?

Como resumen o propio Fernández Lores indicou "cinco mandatos son moitos mandatos e este é o sexto mandato somos a forza máis votada, sacámoslle 10 puntos ao PP". A pregunta dos xornalistas era obrigada: será este o seu último mandato?, ao que Lores respondeu dicindo " eu me sinto como un churumbel". E de novo engadiu "non e o momento para analizar nada desto". E xa as risas dos seus compañeiros soltáronse.

OUTRAS ALCALDÍAS

Nesta mesma rolda de prensa o candidato do BNG valorou "positivamente" os resultados da formación nacionalista en municipios "onde mantemos todas as Alcaldías", como Barro onde "sacamos maioría absoluta", en Soutomaior municipio no que "quedamos a 40 votos da Alcaldía", e tamén engadiu "subimos en Moaña e mantemos a Alcaldía de Bueu". E no conxunto de Galicia "globalmente sacamos 190.000 votos que duplica o que sacamos nas xerais" e tamén "entramos en todas as cidades".

"Teño que estar contento, claro, estaría máis contento se tivera catorce concelleiros, pero tampouco me vou poñer a chorar", dixo Lores.

Arquivado en