Lores cualifica de "esaxerada" e "tremendista" a visión do PP sobre o estado do Mercado de Abastos e Monte Porreiro

Pontevedra
17 de xaneiro 2022

O Partido Poopular levará ao pleno previsto para o xoves 20 dúas mocións reclamando a mellora da praza de abastos e do barrio de Monte Porreiro. O alcalde de Pontevedra lembrou que o goberno local leva anos investindo nestes espazos e continúa realizando traballos para potencialos. O debate será nunha sesión previa ao pleno de honra en que se entregarán os Premios Cidade de Pontevedra

Visita de Fernández Lores ás obras do novo acceso a Monte Porreiro Concello de Pontevedra - Arquivo

O xoves 20 de xaneiro celebraranse dous plenos no Teatro Principal de Pontevedra. Ás 13.00 horas desenvolverase o pleno de honra coa entrega dos premios Cidade de Pontevedra aos educadores Vitoria Ogando e Anxo González Guerra e ao Club Tenis de Mesa Monte Porreiro.

Dúas horas antes está prevista unha sesión na que se debaterán dúas mocións presentadas polo Partido Popular e ás que se referiu este luns o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores.

A primeira fai referencia á petición dos populares dunha reforma e mellora do Mercado de Abastos. O rexedor sinalou que o goberno local realizou nesta instalación unha dos investimentos máis potentes dos últimos anos e advertiu que se segue traballando e investindo economicamente neste espazo. Fixo referencia aos fondos Edusi que se destinan á mellora da planta superior con programación de actividades de dinamización. A moción "é bastante esaxerada", afirmou Fernández Lores durante a comparecencia.

Tamén se referiu á outra proposta dos populares na que reclaman unha partida orzamentaria dun millón de euros para investir un proxecto de humanización no barrio de Monte Porreiro. O alcalde quixo lembrar que o investimento por unha cifra superior a esta cantidade solicitada polo PP xa se atopa recollida no orzamento e foi aprobada unha modificación de crédito para este fin realizada en 2021.

"Non compartimos esa visión tremendista do Partido Popular respecto a que non se inviste ou que o barrio está abandonado", alegou o máximo representante municipal, explicando que nos últimos anos investíronse ao redor de 20 millóns de euros nesta zona urbana. 

Ademais lembrou que se traballa na reparación de rúas; na execución do convenio coa UNED para a apertura dos xardíns situados nas súas instalacións; no pavillón polideportivo; e nun proxecto europeo de rehabilitación integral do barrio que inclúe actuacións no espazo público e nas vivendas.

Sinalou que se estudará un novo proxecto para a proposta de reforma que foi rexeitada pola veciñanza e expuxo que é unha zona en crecemento e que necesita seguir coas melloras. "Fixemos unha inversión continuada e que vamos a seguir porque é a nosa norma", asegurou Lores referíndose ás actuacións na Casa da Cultura, campo de fútbol de herba sintética, praia fluvial ou o acceso aos Campos.