"A min paréceme que a oposición é un pouco decepcionante". Así reaccionou o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, ao coñecer a intención do Partido Popular de pedir explicacións ao rexedor no próximo pleno sobre a misión comercial en México prevista para mediados do mes de agosto.
Os populares queren saber que empresas participarán, a axenda e o custo da viaxe.
Segundo explicou o alcalde da capital, "non imos de paseo a México, non imos a comidas nin actos protocolarios, imos ter intercambios económicos e comerciais e desde logo políticos".
Lores explicou este xoves en rolda de prensa que no goberno municipal cren que é "absolutamente indiscutible que hai que aproveitar a proxección internacional da cidade" para dar "acompañamento" a aquelas empresas que teñan interese na internacionalización ou en exportar os seus produtos.
"Iso é o que estamos a facer. Estamos a elaborar unha comitiva, falando con distintas empresas, para sacarlle a máxima rendibilidade a esa visita", dixo. "Farémolo o máis publicamente, o máis democraticamente posible", engadiu.
O alcalde indicou que a parte comercial da visita a México será do 23 ao 25 de agosto, pero a delegación pontevedresa estará ata o 29 porque, ademais das tres conferencias previstas, prevese a visita a algún outro estado.
"Os custos non van ser moitos" considera o alcalde que foi convidado persoalmente por parte do Instituto Tecnolóxico Autónomo de México e da Secretaría de Desenvolvemento Económico da capital federal. "Despois, probablemente haberá máis xente á que teremos que pagar", explicou. "As empresas pagarán a súa estancia e a súa viaxe", dixo o alcalde, "o único que si temos é unha asistencia técnica para que todas as empresas que vaian teñan unha axenda clara e contactos previos con sectores que lles poida interesar".
Outro posible gasto virá determinado polo número de empresas que se apunten á misión comercial xa que "aínda que nos ofrecen un stand gratuíto, se van moitas empresas teremos que amplialo".
O alcalde de Pontevedra sinalou que esta é a primeira misión comercial porque en anteriores viaxes "fomos a buscar un premio a Hong Kong, Dubái, Nova York, e non daba tempo a facer unha visita deste tipo".
A diferenza daquelas ocasións "agora si que hai tempo, estamos en maio, e iso é o 23 de agosto. De aquí alá darase a coñecer a comitiva, os gastos que ten e as perspectivas coas que imos", asegurou Fernández Lores convencido de que "a oposición debería estar contenta de que se fagan cousas" xa que "non se pode poñer o parche antes da ferida".