Lores cre que a demanda da Fiscalía contra Audasa "chega tarde"

Pontevedra
07 de decembro 2018

"Esta ben porque é exemplificador e para que non abusen, porque seguen abusando, pero estas cousas hai que facelas preventivamente, porque ao final despois tarde piaches", dixo o alcalde de Pontevedra

Protesta do BNG na peaxe de Vilaboa Montse Prado

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, cre que "chega tarde" a demanda colectiva que acaba de presentar a Fiscalía contra Audasa para defender os condutores da AP-9 polo que considera unha "práctica abusiva" no cobro da peaxe de Rande durante as obras de ampliación da ponte.

"Esta ben porque é exemplificador e para que non abusen, porque seguen abusando, pero estas cousas hai que facelas preventivamente, porque ao final despois tarde piaches", dixo Lores.

O rexedor nacionalista considera que o efecto deste tipo de reclamacións "é positivo de cara o futuro, pero na práctica agora non resolven moitas cousas" e ademais apunta que á hora de facer efectiva unha posible indemnización aos particulares "na práctica resulta practicamente imposible".

A propia Fiscalía recoñeceu que se descoñece o número de afectados e Audasa informou que durante o período analizado "existiron uns 77 millóns de tránsitos e a recadación por peaxes correspondentes a vehículos lixeiros ascendeu a uns 90 millóns de euros".