Lores, contra a falta de información sobre a covid-19: “se a xente sabe como está a situación, tomará máis en serio as medidas”

Pontevedra
22 de outubro 2020

"Teño que decir que si que teño algunha queixa na medida en que a información non é completa", indicou o alcalde a preguntas dos medios de comunicación, crítica á que engadiu que non entende que non se lle faciliten datos como, por exemplo, o lugar no que residen os pacientes que deron positivo ou están confinados 

Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra Mónica Patxot

O pasado 9 de setembro, día en que Pontevedra converteuse nun municipio con restricións especiais pola elevada incidencia da covid-19, o Goberno local empezou a recibir información diaria sobre os casos activos de coronavirus e as persoas que están en corentena. Ata entón, non tiveran esa información e cada día tiñan coñecemento da evolución polos medios de comunicació. Desde ese momento, non recibiron ningún detalle máis a pesar de telo pedido. Esa falta de información por parte da Xunta de Galicia xa foi obxecto de críticas nas últimas semanas e este xoves o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, insistiu na queixa.

"Teño que decir que si que teño algunha queixa na medida en que a información non é completa", indicou Lores a preguntas dos medios de comunicación, crítica á que engadiu que non entende que non se lle faciliten datos como, por exemplo, o lugar no que residen os pacientes que deron positivo ou están confinados. A Xunta escúdase na lei de protección de datos, pero Lores cre que no medio dunha pandemia debe primar o interese sanitario. 

O alcalde cre que sería positivo que o Concello tivese eses datos, pois así podería axudarlles, preguntarlles se necesitan algo durante a súa enfermidade ou corentena e xestionar a recollida de lixo. A aquelas persoas que, tras dar positivo, contactan co Concello, recólleselles o lixo a domicilio e aos residuos dáselles un tratamento especifico, pero tan só teñen os datos dos que voluntariamente contactan coa Policía Local. 

Lores, médico de profesión, quixo facer unha reflexión sobre a importancia de que a xente teña información real sobre o que ocorre. Así, cre que é "fundamental" dar todos os datos á cidadanía porque "se a xente sabe como está a situación, obviamente, tomará moito máis en serio as medidas".  

Ademais, cre que esa información e concienciación é importante porque o 90% dos  contagios prodúcense en reunións familiares, pero resulta "moi complicado" entrar nas vivendas da xente, de modo que resulta crucial a concienciación cidadá. 

Neste sentido, fai un chamamento á "responsabilidade" de toda a cidadanía para que, dentro e fóra de casa, adopten as medidas de seguridade e hixiénicas para evitar contaxios e sexan "solidarios" co resto da poboación, xa que poden estar a contaxiar a alguén que forma parte de grupos de risco.