Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra, respondeu ante as preguntas dos xornalistas ás críticas do Partido Popular respecto da suposta intención do rexedor vigués Abel Caballero de crear unha quinta provincia galega a partir da área metropolitana de Vigo. Fernández Lores dixo que non lle dá a máis mínima importancia porque mentres non se modifique a lei de base de réxime local as áreas metropolitanas non teñen competencia ningunha e, en todo caso, sería delegada polos propios concellos pertencentes.
O alcalde entende que non ten entidade xurídica, nin capacidade económica nin orzamento propio e por iso manifestou non sentirse preocupado pero si se mostra preocupado porque os orzamentos da Xunta para a cidade sexan a metade dos do ano. Afirmou que había unha previsión por parte da administración autonómica en 2015 de 15 millóns de euros, que queda nun investimento de 7,5 millóns e non se contemplan case ningunha das demandas de Pontevedra. "Esta saída de pata de banco ven a tratar de ocultar a falta de compromiso do Partido Popular e do goberno da Xunta con Pontevedra".
Insistiu en que sobre a área metropolitana leva falando desde hai 15 anos, e por iso afirma que non se preocupa. "Quen dividiu a provincia en dúas zonas foi o Partido Popular cando creou un delegado para Vigo e outro para Pontevedra, quen defendeu que se dividira a Audiencia foi o PP cando se levou para Vigo, quen fixo desaparecer a delegación da Radio Televisión de Galicia foi o Partido Popular. Fronte a eses feitos obxectivos, isto é tinta de calamar".
"Non estou preocupado polo que di Abel Caballero", sinalou Fernández Lores. A área metropolitana é unha figura, apuntou o alcalde, da que leva falando décadas pero sen que haxa nada máis. Manifestou que é necesario o entendemento, no que están a traballar, entre Vigo e Pontevedra para tratar sobre infraestruturas, promoción turística e desenvolvemento económico.
Lamentou que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, non atendese nos orzamentos as demandas de Pontevedra como a variante de Alba, investimentos no saneamento, finalizar o edificio dos xulgados, investimento en instalacións deportivas e que respecten como cidade a Pontevedra cunha delegación dun medio público como é a CRTVG, xa que é a única capital de Galicia que carece dela.
Lores concluíu explicando que non ten problema por debater este tema nun pleno pero alega que estas cuestións "hai que tratalas en base a algo serio. O PP debería cumprir cos compromisos con esta cidade e non andar con chorradas".
VISIÓN DO PSOE
Pola súa parte, o voceiro municipal do PSdeG-PSOE, Tino Fernández, considera que o plantexamento do PP é "do século pasado" e refírese a cuestións "superadas por todos" e a súa compañeira de partido, a deputada autonómica Patricia Vilán sostén que a capitalidade é "un problema que non existe", pero que "o que non ten nada que contar, inventa cousas para saír nos medios de comunicación".
En todo caso, Agustín Fernández recorda a Jacobo Moreira que "o PP esquece que ten unha importante responsabilidade" en que Pontevedra no seu momento "deixase de ter servizos ou os teña compartidos con Vigo" e Patricia Vilán sostén que o voceiro do PP é parlamentario autonómico e, en caso de que teña algunha reclamación que facer neste sentido, "ten a Feijóo catro peldaños máis abaixo" no Parlamento de Galicia.