Lores considera que o investimento previsto pola Xunta para o Pazo de Lourizán "non é suficiente en absoluto"

Pontevedra
14 de xullo 2023

Os 17,9 millóns de euros que, segundo a previsión do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, investirá a administración autonómica na rehabilitación do Pazo de Lourizán "non é suficiente en absoluto", segundo o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores. En todo caso, asegura que o goberno municipal "valora positivamente" esta actuación "porque todo o que veña para Pontevedra é bo"

Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra Mónica Patxot

Os 17,9 millóns de euros que, segundo a previsión do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, investirá a administración autonómica na rehabilitación do Pazo de Lourizán "non é suficiente en absoluto", segundo o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores.

O rexedor lembrou que se trata dunha leira dunhas 50 hectáreas e na que existen varias edificacións que se deben restaurar, polo que considera que as cifras que baralla a Xunta de Galicia para este proxecto distan moito do que esperaba o Concello.

En todo caso, Fernández Lores asegura que o goberno municipal "valora positivamente" esta actuación "porque todo o que veña para Pontevedra é bo".

O alcalde avanzou a este respecto que a Xunta terá "como sempre" a colaboración "máxima" do Concello para impulsar esta actuación, aínda que os escasos detalles desvelados sobre esta rehabilitación "sementan dúbidas" no executivo local.

"Eu non sei que actuacións se farán ou se este é o mellor momento para anuncialas porque ten certo tufillo electoral", subliñou Miguel Anxo Fernández Lores, que asegura estar "á espera" de coñecer todos os detalles do proxecto que impulsa a Xunta de Galicia.

Tanto o Pazo de Lourizán como o arboreto que o rodea, lembrou Fernández Lores, ten un "valor extraordinario", polo que apuntou que "veremos como queda" cando se coñeza o que o goberno galego fará en todo este ámbito de gran riqueza patrimonial.