Lores confía en que o presidente da Deputación manteña os compromisos adquiridos respecto ao futuro de Santa Clara

Pontevedra
06 de outubro 2023

O alcalde de Pontevedra indicou que mantén a "confianza" en Luis López, presidente provincial, que se comprometera no Concello a que os proxectos do Museo continuaran cara adiante e sinalou que o posicionamento de Rafa Domínguez, vicepresidente da Deputación, supón "ir para atrás, paralizar e non garantir o avance de Pontevedra"

Primeiro encontro institucional entre o alcalde de Pontevedra e o presidente da Deputación Mónica Patxot

Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra, manifestou a súa "preocupación grande" pola decisión da Deputación de Pontevedra, anunciada polo seu vicepresidente Rafa Domínguez, de dar marcha atrás no proxecto de reforma do convento de Santa Clara. 

"Na práctica o que pasa é que se está paralizando", explicou o rexedor da capital remitíndose a situacións que tamén pasaron con outras administracións á hora de reformar ou buscar novos usos a edificios como o de Facenda en San Francisco. 

En todo caso, Lores manifestou que "manteño a confianza no presidente da Deputación que dixo aquí expresamente que os proxectos do Museo ían para adiante no caso dos edificios da Praza da Leña e de Santa Clara" facendo referencia aos compromisos adquiridos por Luis López, presidente provincial, durante a súa visita oficial ao Concello de Pontevedra. 

Pola contra, Lores lamentou a actitude de Rafa Domínguez: "non estou dacordo co posicionamento do señor Domínguez. As súas propostas sempre son ir para atrás, paralizar, non garantir o avance de Pontevedra", apuntou.

A continuación lembrou que todo o relacionado coa adquisición do convento de Santa Clara  e a súa incorporación ao Museo de Pontevedra. "Esperemos que non volvamos atrás e que non se paralicen proxectos a cargo de Destrucións Domínguez", concluía o rexedor.