Lores chama en Madrid a converter as cidades en espazos máis amables para a xente

Pontevedra
26 de febreiro 2019

É a mensaxe que trasladou este martes o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, durante a xornada de traballo organizada en Madrid pola Sociedade Española de Neumoloxía e Ciruxía Torácica (SEPAR)

Lores e o concelleiro de Mobilidade de Bilbao, Alfonso Gil, en Madrid Concello de Pontevedra

As cidades deben ser espazos máis amables para a xente, de cara a mellorar a calidade de vida dos seus cidadáns. É a mensaxe que trasladou este martes o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, durante a xornada de traballo organizada en Madrid pola Sociedade Española de Neumoloxía e Cirurxía Torácica (SEPAR).

O obxectivo deste encontro, no que Fernández Lores explicou a transformación urbana experimentada por Pontevedra, era analizar a relación entre a saúde e a xestión urbana.

O alcalde pontevedrés compartiu unha mesa redonda co concelleiro de Mobilidade de Bilbao, Alfonso Gil. Os dous falaron da valentía política necesaria para levar a cabo as medidas de sustentabilidade que están detrás da redución do tráfico a motor e o aumento da mobilidade natural e o transporte público, dependendo do tamaño de cada cidade.

Para Lores a zonificación e o uso de autobuses e metro é un feito diferencial das cidades grandes en relación coas pequenas, pero para ambas avogou por un urbanismo compacto, impedindo que a cidade medre dispersa.

A sesión de traballo centrouse na saúde como factor diferencial das novas cidades, subliñando a calidade de vida como a principal motivación do cambio, co fin de rescatar as cidades dos coches e entregarllas ás persoas, para que poidan vivir en harmonía co medio urbano.

Así, o alcalde de Pontevedra animou aos presentes a loitar por cidades que camiñen de maneira integral cara á sustentabilidade, evitando formulacións parciais e así eludir problemas como a xentrificación, provocados polo aumento de valor en determinadas zonas da cidade que si se transforman, en relación a outras que fican máis abandonadas.