Lores celebra uns "espectaculares" resultados en Pontevedra: "Nunca gañamos con tanta diferenza e claridade"

Pontevedra
25 de maio 2015

Pouco despois das dez e media da noite, na sede do BNG en Pontevedra soaba un aplauso atronador. Os resultados xa eran definitivos. Miguel Anxo Fernández Lores, cun 43,08% dos votos e doce concelleiros, quedaba ás portas da maioría absoluta. E pouco despois, exultante e sen poder conter a alegría por este resultado, Lores comparecía ante a prensa como flamante gañador das eleccións municipais

Celebración da vitoria electoral do BNG en Pontevedra Mónica Patxot

Pouco despois das dez e media da noite, na sede do BNG en Pontevedra soaba un aplauso atronador. Os resultados xa eran definitivos. Miguel Anxo Fernández Lores, cun 43,08% dos votos e doce concelleiros, quedaba ás portas da maioría absoluta. E pouco despois, exultante e sen poder conter a alegría por este resultado, Lores comparecía ante a prensa como flamante gañador das eleccións municipais.

"Conseguimos ser a forza máis votada, claramente, e a unha diferenza moi grande da segunda, que é o PP e que tivo un resultado moi malo", sinalou un Fernández Lores que se mostrou "absolutamente encantado". Afirmou que para o BNG son uns resultados "espectaculares" e cualificouno como un "gran éxito" porque nunca o nacionalismo "gañou con tanta diferenza e claridade unhas eleccións municipais nunha gran cidade".

Na súa intervención, o alcalde destacou que os pontevedreses "apostaron por un modelo urbano que está sendo recoñecido a nivel internacional". A partir de agora, dixo, "estamos en condicións de dar un salto adiante, co apoio de todos os cidadáns". Con respecto a esa confianza, que segundo Lores "depositaron en nós", van intentar "ser dignos da e sacar a máxima rendibilidade para a cidade".

Fernández Lores non quixo confirmar se, con este resultado, gobernará en solitario ou buscará acordos con outros partidos. En todo caso, avanzou que esta mesma semana, o BNG convocará os voceiros de todas as forzas políticas que lograron representación no Concello -Partido Popular, PSdeG-PSOE, Marea Pontevedra e Ciudadanos- para comezar a preparar o Pleno de constitución da nova corporación, previsto para o próximo 13 de xuño.

Neste sentido, o candidato do BNG quixo felicitar a todos os concelleiros das diferentes forzas políticas que lograron acta na próxima corporación.

Ademais, sobre a caída do Partido Popular na cidade, ao pasar de 11 a 7 concelleiros, Miguel Anxo Fernández Lores valorou que estes resultados demostran que os populares "cumpriron un ciclo en Galicia e no Estado", aínda que lamenta que "non foron suficientemente contundentes para o que están facendo e están demostrando ser". E todo, dixo, porque "non se preocupan de mellorar a calidade de vida das persoas".

Tras comparecer ante a prensa, Miguel Anxo Fernández Lores e todos os membros da súa candidatura achegáronse ata a cafetaría Tabula Rasa, na rúa Marquesa, onde apoderados, interventores e simpatizantes os esperaban para celebrar esta vitoria ata altas horas da madrugada.

Arquivado en