Pontevedra é como a aldea de Astérix para o BNG. O seu gran bastión electoral. ÿ a única cidade na que mellora os resultados de hai tres anos e medio, a única na que os nacionalistas superan o 10% dos votos. Por iso é polo que a lectura que da noite electoral fai o alcalde, sexa positiva. Di Miguel Fernández Lores que vistos os resultados na cidade "hai esperanza neste país".
"Pontevedra votou nunha clave diferente e de aí o meu agradecemento", asegura Miguel Fernández Lores. Recorda que mentres que o BNG creceu máis dun 2% con respecto aos últimos comicios, o PP caeu seis puntos e o PSOE, o dobre. Cre que os pontevedreses "superon captar a situación do país e apostaron por unha alternativa diferente á maioría do PP e iso é un feito irrefutable".
Fernández Lores afirma que cos votos sacados en Pontevedra, o PP "estaría moi lonxe da maioría absoluta". Entende polo tanto que os populares "terán que tomar nota porque algo estarán facendo mal" en Pontevedra. "Igual que nós noutros sitios", matiza, ao recoñecer que os datos do BNG a nivel galego "son malos e estou moi preocupado".
Ante este descalabro electoral do BNG, o alcalde de Pontevedra, o cargo electo máis importante que esta formación ten na comunidade, reitera que non se ve como futuro líder dos nacionalistas en Galicia. "Estou moi a gusto como alcalde, farei as aportacións que considere ao proxecto do BNG, pero desde Pontevedra", di Fernández Lores.
"Dixen sempre que a miña aspiración política é intentar facer de Pontevedra unha cidade alternativa para os cidadáns e creo que o estamos conseguindo, os pontevedreses están moi orgullosos da cidade", concluíu o alcalde capitalino.
O PSOE abre un periodo de reflexión
Pola súa banda, o socio de goberno do BNG en Pontevedra, o PSOE, fai unha valoración diferente. Non é para menos. Ata 12 puntos e case 7.000 votos perden os socialistas con respecto ás anteriores eleccións. "Está claro que o noso proxecto non conseguiu calar na cidadanía", recoñece Agustín Fernández, responsable de campaña do PSOE en Pontevedra. "O que toca é reflexionar e buscar como recuperar esa confianza".
Esa reflexión chegará ata o goberno bipartito. "Non nos plantexamos saír do goberno municipal, pero cando tes un resultado así, hai que buscar a raíz do problema", reflexiona o edil socialista. "Non podemos manter a actitude do avestruz e agachar a cabeza. Todos, incluído a executiva local do partido teremos que reflexionar".