Lores avisa os integrantes da súa candidatura: "os inimigos de Pontevedra son moi poderosos"

Pontevedra
30 de abril 2023

O candidato á alcaldía do BNG e actual alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, mantivo este sábado unha xuntanza cos integrantes da candidatura nacionalista e o comité de campaña para perfilar as accións a desenvolver durante o vindeiro mes antes da cita electoral

Miguel Anxo Fernández Lores achegouse ao concerto de Fuxan os Ventos en Cantos de Taberna BNG

Miguel Anxo Fernández Lores, candidato do BNG á alcaldía de Pontevedra e actual rexedor, mantivo un encontro este sábado cos integrantes da súa candidatura e co comité electoral de campaña a falta dun mes de que se celebren as eleccións municipais para establecer os criterios a seguir durante as próximas semanas.

Segundo manifesta, a ilusión "era palpable" entre o equipo pero o líder nacionalista advertiu dos perigos que poden aparecer polo camiño porque "os inimigos do modelo, os inimigos de Pontevedra son moi poderosos". 

Fernández Lores realizou un chamamento a todas as persoas que queren a Pontevedra para seguir traballando xuntos, "para que Pontevedra siga avanzando" porque, asegurou, se agarda un novo tempo que supoñerá un relanzamento da cidade a través de "grandes proxectos ilusionantes".

Avisou ás persoas que integran a súa candidatura da posibilidade de presión e xogo sucio que se pode producir ao longo deste mes previo ao 28M. O candidato nacionalista pediu ao seu equipo que non escatime esforzos para evitar que traten de frear o avance de Pontevedra. 

Durante este encontro abordouse o programa electoral e os actos públicos que se convocarán ao longo da campaña.

PONTEVEDRA, "REFERENTE" EN LECER E CULTURA

O candidato do BNG á alcaldía manifestaba durante as últimas horas que Pontevedra é unha cidade "referente" en lecer e cultura.

Desta forma, Fernández Lores acudía o venres ao recital de Fuxan vos Ventos en Cantos de Taberna e durante o sábado achegábase ao concerto do ciclo Cabos Soltos e tamén á proposta do grupo Chévere na Praza da Curtidoira interpretando 'As Fillas Bravas e o Mito de Casandra' durante a mañá, mentres que ao longo da tarde asistía ao partido do Club Waterpolo Pontevedra, celebrado en Marín, e daba a saída áPontevedrada 2023.