Lores: "Ata o día 13 non sei se serei elixido alcalde"

Pontevedra
29 de maio 2015

Os cabezas de cartel de cinco grupos políticos que lograron representación na Corporación de Pontevedra tras as eleccións municipais do 24 M reuníronse este venres para organizar o Pleno no que se investirá o futuro alcalde, previsto para o 13 de xuño, pero non avanzaron no nome do novo rexedor

Reunión dos cinco grupos políticos con representación na Corporación de Pontevedra Mónica Patxot

O actual alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, evita autodenominarse novo rexedor da capital a pesar de que o seu partido, o BNG, logrou 12 dos 25 concelleiros da Corporación, moi por enriba dos 7 alcanzados polo PP. Aínda que dende dentro do pardido non se descarta gobernar en minoría sen intentar chegar a un pacto con ningunha outra forza política e de que ningún candidato máis ten intención de postularse para gobernar Pontevedra no Pleno de investidura, el insistiu este venres en que "ata o día 13 non sei se serei elixido alcalde". 

Os cabezas de cartel de cinco grupos políticos que lograron representación na Corporación de Pontevedra tras as eleccións municipais do 24 M reuníronse este venres para organizar o Pleno no que se investirá o futuro alcalde, previsto para o 13 de xuño. Acordáronse cuestións como que os concajales do BNG Alberto Oubiña e Vicente García Legísima constituirán a mesa de idade -o máis novo e o maior- e que BNG e Ciudadanos se sentarán a un lado do escenario e PP, PsdeG-PSOE e Marea Pontevedra no outro e estipularon intervencións de tres minutos para cada grupo, pero non avanzaron no nome do novo rexedor.

Todos os grupos dan xa por feito que Lores non terá rival nese Pleno e non haberá acordos entre os outros partidos para presentar unha alternativa á Alcaldía, pero, segundo explicaron tras a reunión, este venres non tocaba falar desa circunstancia e non se realizou ningún achegamento. De feito, revelaron que dende as eleccións do domingo non se produciron chamadas entre o BNG e os outros partidos para intentar alcanzar ningún pacto. A maiores, Fernández Lores avanzou que "probablemente non" chamará a ningún grupo antes do Pleno de investidura e que "non descarto absolutamente nada" en relación co resultado da sesión plenaria.

O segundo partido en representación, o PP, anunciou que non presentará a candidatura de Jacobo Moreira á Alcaldía no pleno de investidura porque "lo que no vamos a hacer es obstaculizar que gobierne la lista más votada". Moreira insistiu en que é "una persona de palabra" e quere cumprir coa premisa pola que apostou durante toda a campaña electoral, que goberne o partido que máis votos obtén.

O líder do PSOE, Agustín Fernández, tamén compareceu ante os medios tras a reunión, que se celebrou, segundo todos os asistentes, nun ambiente de "absoluta cordialidad". Se é o caso, non avanzou cal será a súa postura no Pleno, pois será unha decisión a adoptar nunha reunión da Executiva local, pero si se deixou querer asegurando que "nós estamos abertos a que nos chame todo o mundo". El non tomará a iniciativa de contactar con ninguén porque cre que o primeiro paso debe dalo o partido con máis número de concelleiros.

O responsable de Marea Pontevedra, Luis Rei, non avanzou a súa postura ata que o día 5 de xuño se celebre unha asemblea do colectivo, pero si avanzou en que "non nos imos apartar do noso programa"e manterá as liñas vermellas que marcaron durante a campaña electoral e para a que chegaron a celebrar unha consulta popular. Tampouco María Rey, candidata electa de Ciudadanos, avanza o seu comportamento no Pleno, pois o partido aínda  "no tiene ninguna postura".

Arquivado en